O Concello de Cervo recupera a celebración do entroido, que terá lugar na última semana de febreiro, cos desfiles de Cervo e San Ciprián como pratos principais. O cartel completo con todas as actividades programadas será anunciado nos vindeiros días.
O Desfile de Entroido de Cervo, organizado pola asociación Airiños do Xunco, levarase a cabo o domingo 27 de febreiro, mentres que o Desfile de Entroido de San Ciprián celebrarase, como sempre, o martes 1 de marzo. Os dous desfiles realizaranse respectando os protocolos e medidas que as autoridades establezan para esas datas.
A concelleira de Cultura, Dolores García Caramés celebra que se podan retomar este tipo de eventos e aclarou que “os desfiles desenvolveranse respectando, sempre, as medidas de distancia social e seguridade establecidas na data na que se celebrarán os desfiles”. Apuntou que “xa desde o verán do 2021 levamos organizando dun xeito seguro todo tipo de eventos de ocio e culturais”.
A edila sinalou que “este ano, no caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, os defiles terán que ser suspendidos, mais agardamos que esto non sexa así, polo que convidamos a todos e todas, veciñanza e visitantes, a que se animen e veñan a gozar do entroido a Cervo”.