O concello de Cervo comeza a dar os pasos para achegar o saneamento a toda a parroquia de Rúa. No día de onte o alcalde, Alfonso Villares, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, achegáronse ata a antiga escola de Rúa para manter unha reunión cos veciños da zona de Ruela, onde se fará a primeira das actuacións previstas para achegar o saneamento a toda a parroquia.
Ao encontro tamén acudiron dous técnicos topográficos, co obxectivo de resolver as dúbidas dos veciños e veciñas, ademais de consensuar con eles diferentes aspectos das actuacións que se pretenden levar a cabo.
A execución deste conxunto de actuacións permitirá achegar o saneamento a toda a parroquia de Rúa, dotando así aos veciños desta zona rural dunha infraestrutura esencial para o seu día a día.
Villares apuntou que se trata “dunha actuación importante para a veciñanza da parroquia de Rúa, xa que este tipo de obras son moi necesarias para seguir a mellorar a calidade de vida dos cervenses”. O rexedor sinalou que “con esta actuación, que comezará en Ruela, e que se estenderá aos núcleos restantes, melloramos as infraestruturas básicas dunha zona rural do noso municipio como é Rúa”. Quixo engadir o alcalde que “desde o noso equipo de goberno traballamos decididamente para que as inversións cheguen a cada recuncho do noso municipio”.