Chantada estreará infraestruturas deportivas, máis accesibles para a cidadanía

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, supervisou hoxe o inicio das obras de renovación do céspede artificial do campo municipal de Sangoñedo, unha vella demanda dos equipos de fútbol de Chantada, que reclamaban o acondicionamento do campo, á que dará resposta o Executivo Provincial. Fíxoo acompañado polo Alcalde do Concello, Manuel Lorenzo Varela.

Campos Conde sinalou que destinamos á renovación deste campo de fútbol 266.000 euros, co que se beneficiarán centos de veciños, pois o campo de Sangoñedo é usado polos dous equipos de fútbol que xogan na Primeira Autonómica, o Sociedade Deportiva Chantada e o Atlético Chantada, e tamén polos nenos e nenas das escolas deportivas municipais”.

O campo municipal de Sangoñedo é utilizado polos clubs da localidade tanto para adestrar como para os partidos de liga. Os xogadores reclamaban dende hai tempo a renovación do céspede, pois o deficiente estado do campo favorecía que se producisen lesións, polo que a Deputación acometerá o arranxo e renovación do céspede, logo de que a Xunta decidise non colaborar con este proxecto.

O Presidente destacou que esta non é a única actuación prevista nas infraestruturas deportivas de Chantada e avanzou que pronto comezarán as obras de acondicionamento do pavillón municipal, por un valor de 80.000 euros. Deste xeito, o Goberno Provincial contribuirá a apoiar o deporte chantadino cun investimento total duns 350.000 euros.

O pavillón, a única instalación deportiva cuberta de titularidade do Concello, é empregado polo CB Chantada, equipo de baloncesto que compite na Liga EBA, para os adestramentos e os partidos de competición. A obra consistirá na renovación do parqué e na construción de rampas de acceso para as persoas con diversidade funcional. Tamén neste caso, a actuación do Goberno provincial responde a unha petición veciñal. Con estes traballos non só se favorece a práctica deportiva neste espazo, senón que tamén se consegue mellorar a accesibilidade, eliminando barreiras arquitectónicas e facilitando a plena inclusión.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com