A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, presentou hoxe no CEI-Nodus o evento TEDxRúaSanFroilán. Na presentación, a edil estivo acompañada polo equipo do obradoiro EmpregaTIC do Concello, que obtivo a licenza para traer á cidade de Lugo por primeira vez as charlas TEDx, formato local das prestixiosas charlas TED.
Ana Prieto avanzou que “o evento, que terá lugar o sábado 11 de marzo no MIHL, contará coa campioa do mundo de paraduatlón, Susana Rodríguez, entre outros relatores dos que se irá informando”, e sinalou que “esta é a primeira vez que se celebran unhas charlas destas características na cidade, das que na actualidade en España hai concedidas 25 licenzas para o ano 2017, que aparecen recollidas no mapa de ted.com”. As charlas pivotarán ao redor do talento como ferramenta usada para poñer en valor ideas que paga a pena compartir en diferentes ámbitos, polo que os relatores serán persoas destacadas que dean a coñecer ideas e ferramentas que poidan resultar útiles para a sociedade.
Este evento porá peche ao obradoiro EmpregaTIC, que conta con 15 alumnos formándose nas áreas de xestión do marketing, comunicación e desenvolvemento de produtos multimedia interactivos. Por elo, tamén se aproveitará este evento e o espazo do MIHL para dar a coñecer o traballo realizado polos mozos e mozas que participaron nos diferentes obradoiros municipais que deron lugar ao EmpregaTIC.
Entradas
O aforo está limitado e as entradas para o evento estarán a disposición dos interesados nas vindeiras semanas, que as poderán conseguir a través dun concurso, no que se valorará o talento e a creatividade dos participantes plasmado nun vídeo ou nunha imaxe. As bases do mesmo publicaranse na páxina web www.tedxruasanfroilan.com e nas redes sociais deste evento.
As persoas asistentes poderán gozar tamén dunha versión diferente do que ven sendo un evento habitual. Con novidades e sorpresas tanto ao comezo como ao final, así como a celebración dun espazo de Networking para a posta en común de ideas, a presentación dos traballos realizados no obradoiro EmpregaTIC e moitas propostas máis.