A FEHR, Federación Española de Hostelería, vén de renovar a súa directiva para os vindeiros catro anos. José Luis Yzuel, presidirá un Comité Executivo formado por 12 persoas, entre as que terá unha boa representación a provincia de Lugo.
O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, formará parte desta nova directiva como vocal de ocio nocturno. Ante este novo reto, Real destaca que “é relevante que Galicia, e en especial Lugo, teña representación a nivel nacional neste sector. Ninguén coma nós mesmos para transmitir os nosos problemas e facer ver a nosa situación”.
Ademais, Real deu importancia a continuar a liña de traballo levada a cabo pola FEHR nestes últimos anos e fai fincapé na necesidade de “coordinar actuacións colectivas para a solución de problemas comúns nas diferentes partes do territorio nacional, desenvolver ferramentas para consolidar a profesionalización do sector e dotar de maior visibilidade toda a nosa oferta gastronómica e turística, así como incrementar a formación do sector”.
Coincidindo co 40 aniversario da creación desta Federación Española, Cheché Real subliña o traballo realizado polo anterior presidente, José María Rubio, e agarda cumprir cos obxectivos nesta nova etapa nivel nacional.