Chega a Lugo a mostra “Facer Camiño” inspirada no Camiño de Santiago

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, inauguraron hoxe na sede do Museo Provincial de Lugo a mostra Facer Camiño. Trátase dunha exposición na que 12 dos máis destacados artistas galegos asocian a arte co Camiño de Santiago e que chega a Lugo logo do seu paso por Vigo e A Coruña.
Durante a inauguración da mostra, Anxo M. Lorenzo salientou a capacidade de Facer Camiño para asociar “a expresión plástica e visual de hoxe cun dos elementos esenciais na conformación da nosa identidade: o Camiño de Santiago”. Nesta mesma liña, o representante da Xunta de Galicia destacou a importancia dos académicos que participan nesta “peregrinación artística” desde diferentes perspectivas, medios expresivos e estilos.
Tras o seu paso por Lugo, onde a mostra se poderá visitar ata o día 4 de outubro, a itinerancia continuará ata as cidades de Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Ferrol, así como a vila de Mondoñedo, asociada ao territorio histórico das Rutas Xacobeas.

A mostra, comisariada por Asunta Rodríguez, reúne unha escolma do traballo dos artistas galegos, todos eles pertencentes á RAGBA: Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad
Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado. Concretamente expóñense 23 pezas, entre as que se inclúen pinturas, esculturas e fotografías, enfiadas por citas e referencias á peregrinación xacobea e á súa meta de autores tan destacados como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com