‘Un ronsel de futuro’ é unha webserie que trata de achegar, através do cine, toda a inmensidade dos catro museos que forman a Rede Museística Provincial de Lugo, pertencentes á Deputación. Logo de ser presentado o proxecto nos Cines Númax e en Bos Aires -da man da Universidade Nacional Tres de Febrero- a webserie documental será presentada cun formato espectáculo ao longo das diferentes comarcas da provincia de Lugo.
Deste xeito, mañá chegará á Casa da Cultura de Antas de Ulla ás 17.00 horas. O vindeiro domingo 26 de novembro estará en Outeiro de Rei na Casa Museo Manuel María ás 12.30 horas. Posteriormente represenatrase en Barreiros, O Courel, Sarria, Meira, Lugo e outras localidades da provincia.
O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos Museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a historia e patrimonio da provincia.
Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafites de dinosauro no patrimonio. Para poder saír de Bonxe acepta un titor, Alexandre, que cunha metodoloxía moi peculiar, faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade. Co paso dos capítulos todo encaixará na cabeza de Braulio.
A produtora O Señor López, da man de Brian Rodríguez e Rubén Pérez, levan a cabo este proxecto no que participan a propia xerente da institución Encarna Lago, artistas como Mónica Alonso e importantes persoas como Pilar Yáñez ou Mónica Álvarez. Tamén conta coa colaboración do Club Sénior do Museo do Mar, o Grupo de Teatro Antas de Ulla, Espazo Lupa, ou o Colexio Público de Antas.
A webserie viaxou a diferentes localizacións da provincia de Lugo como O Cebreiro, Foz ou Samos así como os propios museos: o Pazo de Tor, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial de Lugo e Museo do Mar.