Churros

Sei que as pesetas como moeda non existen desde hai máis de dùas décadas pero non poido, cuestión da idade, sustraerme de calcular equivalencias, e de asombrarme de ter pagado en festa romana 1.000 pesetas por unha ducia de churros.

O churro era a unidade dunha expresión que adoitabamos utilizar para calibrar cantidade, abundancia, de xeito que se algo se producía “coma churros” viña ser como para encher o mercado, desbordar previsións e polo tanto asequible para todo comprador.

Boa proba de que o churro segue a ser un produto estimado por maiores e nenos, é a instalación diante do Lucus Augusti durante boa parte do ano dun posto de churros, xa tradicional e sempre concorrido, onde puiden observar a unha señora guiada por mascota que comprou un churro para ela e outro para o compañeiro, se ben son nenos e rapaces os clientes máis habituais.

Os churros – agora tamén patacas fritidas cos máis varios aditamentos – son tradicionais obxectos de desexo en festas, urbanas e rurais, que parecen ser menos festa se non levamos ao marcharnos un cucurucho ateigado de aceitados e doces churros fumeantes.

Na romaría dos Milagres de Saavedra, que me toca ben de preto e toca o seguinte fin de semana, compramos churros a tres euros a ducia, coidando que era prezo establecido e compensatorio de todos os esforzos, pero non contaba eu que o custo da vida – Tezanos calcula como pode – podería dispararse de tal xeito e os churros subisen un cen por cento, seguro que polo aceite, os transportes, os impostos e a man de obra. A vida ponse polas nubes. Ata os churros, que deixarán de ser sinónimo de abundancia , adverbio de cantidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com