Cidadáns acusa ao Goberno Municipal de incumprir a lei de contratos e o Concello négao

O grupo municipal de Cidadáns declaraba hoxe que o Goberno municipal contratou o pasado xoves “in extremis” e “saltándose a legalidade” a dúas empresas para manter aberto o Vello Cárcere e o edificio de Novas Tecnoloxías que está detrás da Casa Consistorial para non perder os fondos FEDER que a Unión Europea aportou dentro do Plan Urban para rehabilitar estes dous inmobles.

O importe total dos dous contratos é de case 40.000 euros (21.550 no caso do Vello Cárcere e 18.150 no caso do edificio de Novas Tecnoloxías) e a súa adxudicación, realizada o pasado xoves, o mesmo día da inauguración do Vello Cárcere e cando o edificio de Novas Tecnoloxías levaba xa unha semana aberto, conta con “contundentes informes desfavorables do Interventor municipal”, segundo revelou esta mañá a voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao.

Segundo Cidadáns o Interventor municipal emitiu un informe desfavorable e que o Goberno actuou con “deficiente planificación” nos dous casos, non cumpriu coa obriga legal de presentar tres orzamentos como é necesario para a modalidade de contrato menor e as propostas de gasto son “xenéricas e sen concreción” tanto nas funcións e finalidades dos contratos como nos requisitos e obrigas esixidos ás empresas adxudicatarias. Da mesma maneira, o responsable do servizo económico do Concello indica que “non cabe prórroga” unha vez finalicen estes contratos, que se xustifican como de “posta a punto” no caso do edificio de Novas Tecnoloxías e de “apertura e atención” no caso do Vello Cárcere, e alerta de que estas dúas adxudicacions poden acarrear consecuencias legais para o Concello de Lugo ao non fixarse un funcionario municipal responsable da supervisión destes contratos.

Olga Louzao afirma que “o Goberno incumpre a legalidade vixente en materia de contratos, como indica o Interventor” e pregunta “que vai pasar cando rematen estes contratos, vanse pechar entón os edificios ou pensa o Goberno botar man da súa fórmula preferida, o pago de facturas con contrato caducado, xa habitual neste mandato”, cuestiona a voceira de Cidadáns.

Desmentido do Concello

O Concello saíu o paso destas acusacións realizadas polo grupo municipal de Cidadáns, e o voceiro municipal, Miguel Fernández, subliñou que tanto a modalidade dos contratos –menores-, como o procedemento seguido para formalizalos “é estritamente legal, axustado á Lei de Contratos do Sector Público, unha normativa que os concelleiros de Cidadáns deberían cando menos repasar dadas as súas disparatadas manifestacións”.

Deste xeito, Miguel Fernández explicou que o Concello recorreu a contratos menores para iniciar o funcionamento do Vello Cárcere e do Edificio de Novas Tecnoloxías porque “é a única fórmula legal de transición existente ata a licitación dos servizos” e fíxoo agora porque “non había obxecto de contrato ata a recepción dos edificios”.

“O informe de Intervención recolle observacións, pero non é contrario; a mellor proba é que, se o fose, o procedemento quedaría anulado e non estarían os contratos feitos”, asegurou o voceiro, quen apreciou outra “falsidade” de Cidadáns, pois tanto no caso do Vello Cárcere como de Novas Tecnoloxías se presentaron tres orzamentos. No Vello Cárcere enviouse ademais toda a información á Asociación de Empresas de Xestión Cultural e na proposta defínense os postos precisos e as súas funcións.

As declaracións de Cidadáns poñen de relevo “a súa profunda e preocupante ignorancia sobre a Lei de Contratos do Sector Público”, incidiu o voceiro, pois, tal e como establece esta normativa “o servizo propoñente é o que debe decidir as necesidades a contratar con un estudo de custes, que no caso dun contrato de servizos, son custes de persoal, e iso require un tempo”.

Así mesmo, a Lei de Contratos obriga ás administracións públicas a establecer como criterio de valoración con maior peso a oferta económica que resulte máis vantaxosa para o Concello, polo que Cidadáns “non sabe do que fala cando di que o Concello fomenta a precariedade co prego de licitación”, afirmou Fernández.

O voceiro do Concello pide a Cidadáns a “deixar de denigrar unhas obras que os lucenses valoran, como son o Vello Cárcere e o Edificio de Novas Tecnoloxías, e así o demostra o continuo fluxo de público que está a pasar por ambas instalacións, e tamén un plan de investimentos como o Urban, que transformou a cidade e que foi recoñecido a nivel internacional pola súa boa execución”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com