O grupo municipal de Cidadáns alertou novamente esta mañá da situación na que se atopa a Policía Local, formada neste momento por 125 membros, pero que podería verse diminuída de xeito moi importante coa entrada en vigor no vindeiro mes de xuño do Real Decreto acordado onte entre a FEMP e o Ministerio de Emprego para adiantar a idade de xubilación dos policías locais aos 60 anos.
O concelleiro de Cidadáns Xesús Expósito calcula “que o número de membros do corpo podería verse reducido nunha cuarta parte, dado o alto grado de envellecemento da plantilla actual da Policía Local de Lugo, posto que nos últimos anos non foron convocadas prazas para novos axentes que fosen substituíndo aos que se xubilaban e rexuvenecendo a plantilla”.
De feito, o Goberno local, explicou o concelleiro, “convocou para mañá mércores a Mesa Xeral de Negociación na que vai tratar cos sindicatos, entre outras cuestións, a Oferta de Emprego Pública deste ano, na que non se contempla ningunha praza para novos axentes”.
Situación de “colapso” por unha política de persoal “errática”
Expósito afirmou que á situación de “colapso” á que se chegou na Policía Local e noutros moitos servizos do Concello débese “á errática política de persoal deste Goberno”, que “en dous anos non foi quen de convocar nin unha soa praza”. Neste sentido, o concelleiro de Cidadáns explicou que a Oferta de Emprego Público do ano 2015 atópase recurrida, polo que Lara Méndez leva desde que foi escollida alcaldesa sen crear un só posto de traballo, “malia ás carencias evidentes de persoal en moitos servizos do Concello”.
No caso da Policía Local, “hai vacantes 10 prazas de axentes desde hai varios anos, procedentes da reorganización efectuada na época de Orozco”, que non se poden cubrir porque non foron convocadas no seu momento.”Chegouse a esta situación polo desleixo dos Gobernos socialistas”.