Os dous concelleiros de Cidadáns, Olga Louzao e Jesús Expósito, rexeitan “por completo” a proposta de RPT elaborada polo Goberno de Lara Méndez e mostran o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores municipais que hoxe se concentraron en contra deste documento.
O grupo municipal de Cidadáns considera que a nova Relación de Postos de Traballo que o Goberno municipal pretende aprobar esta semana “está elaborada sen criterios obxectivos e non foi feita en función das necesidades do Concello senón dos intereses de determinados traballadores”. “En vez de facer unha valoración de postos e necesidades o Goberno fixo unha valoración de persoas e amiguetes. O único criterio do Goberno para elaborar esta RPT foi o colegueo e a RPT está deseñada a medida de determinadas persoas”, afirma contundente Jesús Expósito.
Subas de 3.000 euros aos bombeiros, 4.000 para a Policía e 8.000 na Brigada de Augas
Cidadáns denuncia que “as maiores subas danse na Policía Local, onde se pretende contentar a unha parte dos seus membros con 4.000 euros de suba ao ano no complemento específico”. Sen embargo, “esta RPT non reestrutura á Policía Local para facer dela un corpo útil, moderno e próximo ao servizo dos cidadáns”, tampouco hai incrementos substanciais na plantilla noutro dos corpos como bombeiros ou o servizo de augas, pero si subas salariais.
Non se prevé a municipalización de ningún servizo
Asemade, Cidadáns afirma que “a proposta presentada polo Goberno de Lara Méndez segue desmantelando servizos e non corrixe as eivas e deficiencias estruturais que arrastran moitas das dependencias municipais actuais, polo que lonxe de acabar coas externalizacións de servizos vai incrementalas”. Neste sentido, Xesús Expósito denuncia que “non se prevé a municipalización de ningún servizo sobre os que hai mesmo acordos plenarios adoptados neste sentido, como é o caso da ORA ou do guindastre municipal” e que Cidadáns considera que “sairía máis barato se fose atendido por persoal do Concello”