Cidadáns critica o ‘déjà vu’ de Lugo coa Intermodal

“Lugo vive estes días un novo déjà vu a costa da intermodal e retrocede no tempo oito anos, ás portas dunhas novas eleccións municipais”. Así criticaba esta mañá a voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao, os últimos anuncios sobre a Estación Intermodal. Louzao lembra que “no ano 2010, tamén antes dunhas eleccións municipais, o PSOE, con Pepe Blanco e Orozco á cabeza presentaban a bombo e platillo a chegada do AVE á nosa cidade e unha futurista e inminente estación intermodal”. “Nada diso se fixo e agora o PP, con Feijóo e Balseiro, repiten a escena volvendo presentar o xa presentado e tirando á papeleira case 800.000 euros de cartos públicos, que se gastaran xa no proxecto do PSOE”, denuncia Olga Louzao.

Para Cidadáns, “demóstrase unha vez máis cal é o método propagandístico e electoral dos partidos tradicionais, que se basea en prometer grandes obras e non facer ningunha”. “Por todos é sabido que Lugo foi a gran esquecida nestes anos polo PP e polo PSOE”, afirmou Olga Louzao, que enumerou “algúns dos incumprimentos dos grandes partidos que gobernaron a nosa cidade os últimos 40 anos: seguimos sen AVE, temos un servizo ferroviario sen trens que non é digno de tal nome, unha estación de ferrocarril do século XIX e unha de autobuses dos anos 60 que valería de escenario para gravar un capítulo da serie Cuéntame”.

Para Cidadáns, “máis alá de presentar un novo debuxo de estación intermodal, hai cuestións fundamentais que seguen sen aclararse”. “A Xunta e Adif seguen sen dicir que tipo de tren vai chegar a Lugo e a esa nova estación e cando, e tamén por onde, porque a non ser que ese novo tren sexa un AVE wifi sen raís, falta por ver se a vella ponte da Chanca serve para ese novo tren ou se teñen pensado construír unha nova ponte ao seu lado”, afirmou Olga Louzao, que tamén preguntou “que teñen pensado facer a Xunta e o Concello coa estación de autobuses actual unha vez que se constrúa a intermodal?”. A  Cidadáns preocúpalle que vaia pasar o mesmo que aconteceu co vello hospital, que dez anos despois de pechar e trasladar os servizos que albergaba ao Hula segue sen uso, indicou a voceira da agrupación que se amosou sorprendida de que “a alcaldesa estea como mera expectadora en todo este proceso”.

Aparcadoiro gratuito

Tamén o BNG falou esta mañá da Intermodal, o voceiro da agrupación, Rubén Arroxo, instou ao goberno local a esixirlle á Xunta e a Adif que os case 200 aparcadoiros que se xeren na nova Estación sexan de balde para os usuarios. Rubén Arroxo sinalou que “entendemos que a alcaldesa estará ao tanto desta intención de privatización por que estivo participando en varias xuntanzas con cargos da Xunta e do ADIF”.

“A creación de 200 novas prazas de aparcamento nesta zona é positiva para a cidade pero non imos permitir a privatización do espazo público e a implantación dun negocio privado construido con cartos públicos” afirmou Arroxo. Para o BNG “non se pode repetir o sucedido no HULA, onde os veciños puxeron os terreos, o PP privatizou e as empresas fan o negocio”. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com