Cidadáns critica a falta de previsión da Concelleira de Cultura

O grupo municipal de Cidadáns revelou hoxe que a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, trata de buscar “in extremis” unha empresa que se encargue de abrir ao público o edificio do Vello Cárcere para poder cumprir coa esixencia da Unión Europea de que o novo centro cultural financiado con fondos do Plan Urban estea funcionando antes do día 31 deste mes. Ante o apresuramento dos prazos, o departamento de Cultura ven de cursar unha invitación a diversas empresas do sector para que presenten as súas ofertas. Na propia invitación a área de Cultura recoñece que “é urxente realizar a contratación de persoal para poñer a funcionar esta nova dotación cultural con parte dos usos que están previstos na memoria do proxecto. A data límite para a súa entrada en funcionamento é o 31 de marzo de 2017 sen posibilidade de dilación; se non se lograra  abrir nesa data perderíase a subvención da UE

Inauguración o xoves 30 de marzo pola tarde e tres persoas para atender o edificio

O prego elaborado polo departamento de Cultura demanda tres persoas: unha para recepción e atención telefónica, un guía con titulación universitaria en Humanidades e experiencia previa como guía de exposicións e un técnico audiovisual con título de formación profesional de grado superior. O Goberno municipal recorreu á fórmula do contrato menor sen publicidade, mediante a invitación a participar no proceso a cando menos tres empresas e o prazo para que enviasen as súas ofertas rematou onte, 15 de marzo.

Olga Louzao considera este contrato “unha chapuza máis de última hora do Plan Urban” e considéraa “acorde a como se levou a cabo todo o proceso de rehabilitación do Vello Cárcere e coherente como modo habitual de traballar de Carmen Basadre”. A voceira de Cidadáns dille á titular de Cultura que “as présas de última hora non son nunca boas” e lémbralle que “o persoal necesario para a atención do Vello Cárcere debería estar incluído no novo contrato dos museos municipais, que se atopa caducado desde hai máis de dous anos”. “É unha falta de previsión absoluta, porque sabían que o Vello Cárcere ten que estar aberto antes do 31 deste mes”, lembra Olga Louzao.

Carmen Basadre, “campioa” dos contratos caducados”

 Olga Louzao critica a “pasividade” do Goberno municipal en relación aos contratos caducados, e considera que “lonxe de ter mellorado a situación desde que Lara Méndez é alcaldesa, foi a peor”. Cidadáns pídelle á alcaldesa que “poña remedio” a esta “ilegalidade na contratación pública que se converteu xa en habitual”.

Louzao subliñou que “ no departamento que xestiona Carmen Basadre está caducado o contrato para a atención da Casa da Música e a Casa da Xuventude, por un importe de 57.366 euros ao ano, as actividades de Prevención de drogodependencias dirixidas á xente moza, por importe de 8.136 euros e o servizo de asesoramento xuvenil, por 7.086 euros anuais. O mesmo acontece en relación ao contrato para a xestión dos museos municipais, que se atopa caducado desde hai máis de dous anos, en concreto desde o 23 de novembro de 2014″.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com