Cidadáns critica que policías e bombeiros, o 25% da plantilla, se repartan o 70% dos 1,5 millóns de incremento que recolle a RPT

Os dous concelleiros de Cidadáns, Olga Louzao e Jesús Expósito, rexeitan “por completo” a nova Relación de Postos de Traballo elaborada polo goberno municipal, que consideran “discrecional e arbitraria”, e afirman que “non resolve ningún dos problemas de funcionamento que ten o Concello de Lugo na actualidade porque non varía a actual estrutura organizativa municipal nin reforza os servizos que teñen un déficit claro de persoal”,

Cidadáns afirma que “o goberno municipal perdeu a oportunidade de modernizar a administración local a través da RPT, que se limita simplemente a un reparto caciquil da bolsa salarial que se usaba para o pago da produtividade”. Neste sentido, o grupo de Olga Louzao e Jesús Expósito critica que a alcaldesa, Lara Méndez, “premie” á Policía Local cunha suba de 450 euros ao mes, algo que consideran “inxustificado en comparación cos incrementos do resto de traballadores municipais”.

Jesús Expósito explica que cada un dos 90 axentes da Policía que verán incrementado o seu complemento específico nun 68%, pasando de 8.339,76 euros ao ano a 13.997,16 euros, aos que hai que sumar un incremento de 635,18 euros no seu complemento de destino, que pasa do nivel 17 ao 19. En total, un axente, que agora cobra 24.978,38 euros, pasará a cobrar coa nova RPT 31.267,18 euros anuais, É dicir, o salario dun policía local, que está encadrado como funcionario do grupo C da administración, será a partir de agora de 2.233 euros ao mes, “máis do que cobra un técnico do grupo B”, compara Jesús Expósito.

A esta cantidade habería que engadir os trienios e o pago de horas extras e reforzos, concepto polo cal durante o último San Froilán o Goberno local pagou máis de 60.000 euros, algo que para Ciudadanos “non ten xustificación, tendo en conta que a Policía Local fai un 30% menos de xornada laboral que o resto de traballadores do Concello, xa que traballan 25,5 horas á semana fronte ás 37,5 do resto de traballadores municipais”, indica.

342 euros máis para os bombeiros

O segundo dos colectivos máis beneficiados por esta RPT son os bombeiros. O medio cento de bombeiros-condutores percibirán unha suba de 342 euros ao mes, os 5 cabos 324,85 e o sarxento 109 euros. A suba total para este corpo será de 263.700 euros anuais, o 18,5% do total. Jesús Expósito considera “inxustificado que a suba dos bombeiros e a policía, que representan unha cuarta parte da plantilla municipal (54 bombeiros e 125 membros da Policía Local), supoña o 70% do total de incremento que recolle a RPT. 

 17 traballadores verán reducido o seu salario

De feito, non todos os membros do corpo da Policía verán incrementado o seu salario. Os 5 auxiliares de Policía que se encargan de tramitar as multas na Unidade de Sancións verán reducido o seu soldo en 16 euros ao mes ao baixarlles o seu complemento específico. En total só 17 traballadores municipais percibirán menos con esta RPT.

Finalmente, o grupo municipal de Ciudadanos explica que a nova Relación de Postos de Traballo que o goberno municipal pretende aprobar “carece a día de hoxe dos preceptivos informes técnicos da xefa de Persoal, o Interventor e a Asesoría Xurídica” e considera que “é unha irresponsabilidade que o Goberno local a levara á Mesa Xeral de Negociación sen ter eses informes, que poderían obrigar a modificar determinados aspectos por non axustarse á legalidade”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com