Cidadáns denuncia o trato de favor da alcaldesa hacia a Policía Local

A voceira do grupo municipal de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, afirmou que a decisión da alcaldesa, Lara Méndez, de aprobar esta mañá en Xunta de Goberno unha suba “considerable” do importe das horas extra “é unha decisión que vai encamiñada a beneficiar á Policía Local ás portas do San Froilán“.

Para Olga Louzao, “Lara Méndez claudica unha vez máis ante a Policía local, que actúa coma un verdadeiro lobby na cidade, chantaxeando ao Goberno local e ao conxunto dos cidadáns e ameazando constantemente con deixar de facer o seu traballo se non se lles paga máis e máis” e afirmou que “os veciños e veciñas de Lugo non entenden o trato de favor de Lara Méndez cara a Policía Local”.

 Olga Louzao fai referencia á suba, aprobada na Xunta de Goberno, dun 40% o importe actual das horas extra, que será do dobre do importe habitual no caso de traballar en domingo ou festivo. Desta maneira, un policía local que faga reforzos no San Froilán cobrará de media 30 euros por hora nun día normal e 44 se o reforzo ten lugar un domingo ou un día festivo. “É un insulto á maioría dos cidadáns de Lugo que un policía local por traballar o Domingo das Mozas, por exemplo, vaia cobrar uns 300 euros, cando a maioría da poboación iso é o que gaña por toda unha semana de traballo”, afirmou a voceira de Cidadáns.

Desde Cidadáns esíxeselle a Lara Méndez “que poña orde” na Policía Local, un corpo que depende directamente da alcaldesa, e afirma que “a Policía Local absorve máis da metade das horas extra que paga anualmente o Concello de Lugo e iso vai en detrimento do propio funcionamento da Administración local”. Olga Louzao, advirte ademais de que “o órgano competente para modificar o Regulamento Interno de Persoal, onde se fixa o importe das horas extra, é o Pleno”, polo que “a Xunta de Goberno local non pode puentear ao Pleno”.

O Goberno Local acordou tamén ampliar en 150.000 euros a bolsa económica reservada dos Orzamentos municipais ao pago de horas extra para poder deste xeito facer fronte ao incremento que vai supoñer esta medida. De feito, a voceira de Cidadáns explicou que neste momento os 185.000 euros previstos nos Orzamentos para este fin “xa está esgotada” e que até o mes de agosto a Policía Local levaba xa cobrados 119.382 euros en concepto de horas extra e outros 42.909 euros en concepto de productividade.

O ano pasado, a Policía Local cobrou en concepto de horas extra 60.000 euros só durante o San Froilán, polo que co incremento aprobado hoxe esa cantidade rondará os 100.000 euros neste San Froilán. Olga Louzao non entende “este sobresoldo” por “cumprir simplemente co seu cometido”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com