O Concello de Lugo recibiu xa 14 reclamacións pedindo a devolución do cobrado indebidamente en concepto de plusvalía municipal desde que hai un mes o Tribunal Constitucional fallara en contra da norma que regula este imposto por posibilitar o cobro en casos nos que non se produce un incremento real do valor do ben polo que se liquida o cobro. Segundo explicou esta mañá na Comisión de Contas a concelleira de Economía, Ana Prieto, a preguntas de Cidadáns, dúas desas reclamacións atópanse xa en fase de tramitación no Tribunal Económico-Administrativo do Concello.
Segundo Cidadáns” o Goberno municipal informou tamén que non existe estimación do recadado indebidamente por parte do Concello nos últimos anos, cantidade que podería ter que ser devolta”. “Ana Prieto anunciou tamén que o Concello de Lugo non vai devolver de motu propio o cobrado inxustamente aos cidadáns, aínda que sabe que o Tribunal Constitucional declarou non axustado a dereito este sistema de cobro”, explicou Olga Louzao.
Por iso, a voceira do grupo municipal de Cidadáns quere que o Concello de Lugo suspenda o cobro da plusvalía municipal nos casos nos que o contribuínte demostre que non houbo incremento de valor e, polo tanto, ganancia patrimonial, no mesmo sentido que anunciou que fará o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, no seu concello”.
Cidadáns pide a través dunha moción que será debatida no Pleno da vindeira semana que se modifique o actual imposto de plusvalías municipal por resultar “inxusto en moitos casos ao non ter en conta a situación real no caso de venda de inmobles e cobrar unicamente en función dunha estimación en función do valor catastral e do número de anos transcorridos desde a adquisición”.