O Grupo Municipal de Cidadáns pide explicacións ao Goberno municipal da reunión que o concelleiro de Urbanismo, Daniel Piñeiro, “mantivo a pasada semana con técnicos da Xunta de Galicia para abordar a situación creada como consecuencia da resolución da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que anula a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal na zona do campus universitario”.
A voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao, solicita ao Goberno “a inmediata convocatoria da Comisión de Planeamento para abordar este asunto posto que está impedindo entre outras cuestións dar un uso social á gardería do campus”. Olga Louzao lembra que a creación da Comisión de Planeamento é un acordo plenario do mes de abril que está sen executar. É nese órgano no que o concelleiro de Urbanismo debe dar explicacións a todos os grupos políticos”, afirma Olga Louzao.
Problemas derivados dun mal PXOM aprobado por PP e PSOE
A voceira de Cidadáns afirma que “o que está a acontecer co urbanismo no campus, así como noutras zonas da cidade deriva dun mal PXOM aprobado no seu día polo PP e o PSOE e dunha nefasta tramitación do Goberno municipal. PP e PSOE aprobaron conxuntamente no Pleno Municipal o 30 de decembro do 2010 o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo, que foi remitido á Xunta para a súa aprobación definitiva o 3 de febreiro de 2011. Segundo a orde emitida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de aprobación definitiva do PXOM de Lugo do 29 de abril de 2011 a Xunta deixa en suspenso un 5% do Plan Xeral que está aínda pendente de aprobación”.
Sen embargo, segundo este partido político, “o documento aprobado non coincide, no relativo á ordenación urbanística do campus universitario, co Plan Especial do Campus, aprobado no ano 1994, polo que o Goberno municipal decidiu levar a pleno no pasado mes de xullo unha corrección de erros para adaptalo ao Plan Especial do Campus. Pero ese acordo plenario foi anulado mediante resolución da Xunta de Galicia por considerala unha modificación puntual do PXOM, polo que o Concello non pode conceder licenza de rehabilitación da gardería do campus para acoller un centro de Raiolas para cativos con autismo”.