A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, afirmou esta mañá que “a grúa vai camiño de converterse nunha nova ORA” e lembrou que “o primeiro que fixo a alcaldesa nada máis chegar ao cargo foi suspender o servizo de estacionamento mediante rotación de vehículos e dous anos e medio despois non foi capaz de volver poñelo en marcha”.
Olga Louzao considera que “coa grúa pode pasar o mesmo que coa ORA porque neste momento o servizo estase prestando en clara situación de irregularidade, mediante un contrato xa caducado e investigado xudicialmente e ningunha empresa quere facerse cargo deste contrato polas sospeitas que hai sobre el”.
Para a voceira de Cidadáns, “o día menos pensado Lugo quedará sin servizo de guindastre municipal como xa está sen ORA, o que vai acrecentar a caótica situación que xa hai hoxe no tráfico da cidade”. Por iso, Olga Louzao pide á alcaldesa, Lara Méndez, “que o Concello se faga cargo directamente da grúa ao tratarse dun servizo imprescindible” e dea marcha atrás na súa intención “de manter o servizo subcontratado a través dunha empresa externa”.
Olga Louzao criticou que a alcaldesa se negue a municipalizar o servizo, tal como acordou o Pleno por maioría, e reiterou a proposta de Cidadáns de que persoal do parque móbil municipal se encargue de conducir os dous guindastres, que son propiedade municipal, segundo as necesidades existentes, e que a Policía Local faga as tarefas de custodia dos vehículos retirados nunha parcela de titularidade municipal situada xusto a carón da sede da Policía Local en San Fiz, onde xa existe vixiancia as 24 horas. A entrega dos coches e do cobro das taxas de depósito faríase na propia sede da Policía Local.