Cidadáns pide unha partida para arranxar os colexios públicos da cidade

O Grupo municipal de Cidadáns pedirá unha partida nos Orzamentos Municipais deste ano 2017 destinada a amañar todas as deficiencias existentes nos colexios públicos da cidade. “Moitas destas deficiencias perduran dende hai anos”, denuncia o concelleiro de Cidadáns  Jesús Expósito, que explica que “os centros escolares que peor estado presentan son os que se atopan na periferia, como o da Ponte, o de Casás ou o propio Illa Verde, e nos que é necesario acometer reformas e mellorar o mantemento”.

O concelleiro de Cidadáns esixe ao concelleiro responsable da area de Educación, Manuel Núñez, “que faga uns Orzamentos verdadeiramente participativos reuníndose cos directores dos colexios e coas ANPAs para facer un listado de necesidades e unha programación para a súa resolución”.

Entre outras, Jesús Expósito detalla unha serie de deficiencias no colexio da Ponte e pide construír unha  pasarela cuberta que una os dous edificios do centro escolar; tamén melloras nos patios exteriores e na pista.; no colexio Illa Verde, acondicionar o contorno da cancha deportiva e o balado exterior.

Cidadáns denuncia tamén deficiencias nos colexios do centro da cidade, e cita como exemplo “o patio da Anexa”. Tamén insta ao “Goberno de Lara Méndez a negociar coa USC e coa Consellería de Educación o traslado da Facultade de Maxisterio a outro edificio no campus, para que todo o edificio da Anexa se poida destinar a colexio público”.

Trasladar o Quiroga Ballesteros ao Cuartel de San Fernando

Outro dos colexios que ten un problema de espazo e de carencia de instalación, segundo Cidadáns, é o Quiroga Ballesteros, polo que segue insistindo na súa proposta de que se estude a posibilidade de facer un colexio público no Cuartel de San Fernando en paga de destinar o edificio a Museo da Romanización. Jesús Expósito argumenta que este uso “revitalizaría moito máis o casco histórico que un museo” e considera que “a falla dun colexio público de dimensións axeitadas é unha das carencias actuais máis evidentes que hai dentro de murallas se de verdade queremos que o centro teña vida e recupere poboación”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com