O grupo municipal de Cidadáns revelou que as asociacións culturais da cidade non van recibir axuda algunha do Concello en concorrencia competitiva polas actividades que fixeron no ano 2016. A voceira do partido no Concello de Lugo, Olga Louzao, explicou que “debido á nefasta xestión da concelleira de Cultura, Carmen Basadre, as asociacións non van poder recibir a axuda do Concello que lles correspondería polo seu labor o ano pasado porque debido ao retraso que se acumula, os cartos que había nos orzamentos para 2016 o Goberno destinounos a pagar as axudas de concorrencia competitiva do 2015 e quedou sen cartos para sacar a convocatoria do ano 2016”.
Olga Louzao explica que o importe que deixarán de percibir as asociacións culturais da cidade é de 23.100 euros e di que “é a mesma cantidade pagada en sobrecustos nos catro concertos que Carmen Basadre contratou para o auditorio“, polo que Cidadáns critica “que desde área de Cultura non haxa cartos para financiar o labor das asociacións de Lugo que durante todo o ano fan cultura na nosa cidade pero sobren os cartos para contratar concertos e beneficiar a intermediarios de fóra de Lugo”. “Hai cartos para intermediarios de fóra de Lugo pero non para as asociacións culturais da nosa cidade”, denuncia Olga Louzao.
Cidadáns explica que Carmen Basadre “recoñeceu esta semana no Consello de Cultura que non se van sacar as axudas de concorrencia competitiva do ano 2016 pero tentou lavarse as mans da súa responsabilidade alegando que se debía a ‘razóns técnicas’, cando en realidade o que pasou é que fixo tan mal as cousas que cando quería sacar a convocatoria, co ano xa practicamente rematado, xa esgotara o crédito dispoñible na súa área e non o puido facer”, critica Olga Louzao. Desta maneira, só puideron recibir axuda as que figuraban nos orzamentos con subvencións nominativas, como Fonmiñá para o Festival de Cine ou Escobijazz para o Festival de Jazz, pero non a totalidade das asociacións da cidade.
A voceira de Cidadáns tamén preguntou na Comisión de Cultura desta semana a Carmen Basadre polo custo da presenza deste ano en Fitur. A responsable de Turismo do Concello indicou que foron 7 as persoas que viaxaron a Madrid en xaneiro para asistir á feira de turismo pero que se descoñece o que custou porque “os gastos están aínda sendo cuantificados”. Olga Louzao considera que “Carmen Basadre tenta tapar o custo real da viaxe” e calcula que “o Concello de Lugo gastou máis no desprazamento desas 7 persoas a Madrid que na promoción turística da nosa cidade realizada na propia feira”.
Que Lara Méndez poña orde na “República independente de Cultura”
Ante a situación de “desgoberno e continuas irregularidades” que se producen na área que xestiona Carmen Basadre, Olga Louzao esíxelle á alcaldesa, Lara Méndez, “que poña orde na República independente de Cultura” porque a súa titular “vai por libre e non responde a criterio lóxico algún na súa xestión”.
Cidadáns di que “desde que está en Cultura, Carmen Basadre é máis coñecida xa polos seus desatinos que polo seus acertos” e pon como exemplos a polémica adxudicación das casetas do polbo no San Froilán, a instalación sen ningún tipo de contrato da Pista de Xeo, ou os sobrecustos dos concertos do Auditorio.