Cidadáns propón modificar a normativa municipal para que os bares e restaurantes da cidade poidan programar música ao vivo

O grupo municipal de Cidadáns levará ao vindeiro Pleno unha iniciativa para que o Concello modifique a normativa municipal actualmente en vigor e permita aos bares e restaurantes da cidade programar música en vivo e outro tipo de espectáculos, unha práctica xa habitual en moitas urbes europeas e que cidades como Granada, Formentera ou Barcelona, tamén están a adoptar.

A iniciativa presentada por Cidadáns, coa intención de que sexa respaldada polo resto de grupos da Corporación, conta con catro puntos de acordo, nos que se pide á Xunta de Galicia regular a posibilidade de música ao vivo nos locais de hostalaría dentro da Lei de Espectáculos de Galicia, que se atopa en proceso de elaboración.

Ademáis con esta iniciativa ínstase ao Goberno municipal de Lara Méndez a aprobar, antes de que remate o ano, unha nova Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica na na que se inclúa a posibilidade de que os locais de hostalaría e restauración da cidade poidan organizar actuacións musicais ou outro tipo de espectáculos en directo, e tamén na que se inclúa regular a posibilidade de contar con música ambiental, “fixando ao mesmo tempo na norma as condicións para que se respecte o dereito ao descanso dos veciños e veciñas.

Agora mesmo, segundo explica Olga Louzao, voceira do grupo municipal Cidadáns, “para poder levar a cabo este tipo de espectáculos de música ao vivo, os establecementos de hostalaría da cidade atópanse con graves atrancos froito da falta de regulación específica tanto na normativa municipal como na lexislación autonómica“. Por exemplo, “neste momento a posibilidade de programar ou reproducir música, xa sexa en directo ou amplificada, limítase a establecimentos con licenza de café-concerto, pub ou discoteca, polo que para que un bar ou un restaurante poidese programar actividades deste tipo tería que presentar un proxecto específico para cada actuación que se queira facer e solicitar autorización cunha antelación de 30 días, segundo a Lei de Emprendemento de Galicia, que é a norma que regula a apertura de establecimentos e a organización puntual de espectáculos á falta da aprobación da Lei de Espectáculos de Galicia, en fase de tramitación”.

Para levar a cabo a proposta de Louzao, é necesario modificar tanto a normativa municipal ao respecto como a autonómica. Neste sentido, é preciso que a Lei de Espectáculos de Galicia, en fase de elaboración cun anteproxecto presentado en abril de 2016 por parte do Goberno da Xunta, afonde en dar solucións e facilidades á música ao vivo, do mesmo xeito que é preciso que a nivel municipal este tipo de espectáculos aparezan recollidos de xeito específico na Ordenanza municipal de Contaminación Acústica, que se atopa tamén en fase de elaboración no Concello de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com