Cidadáns propoñerá no vindeiro Pleno que a Avenida da Coruña sexa unidireccional

Cidadáns levará como primeira iniciativa ao pleno deste mes unha proposta para reformar a Avenida da Coruña para convertela nunha das principais arterias comerciais da cidade.

A portavoz de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, detallou que “o obxectivo do proxecto é ampliar as beirarrúas e gañar espazo para os peóns para deste xeito aumentar as vendas dos comercios e favorecer a apertura de novos establecementos”.

“As obras propostas no primeiro tramo da Avenida da Coruña, entre San Fernando e a Rúa Mallorca, á altura da Praza da Milagrosa, suporían un incremento das vendas dos comercios da zona dun 30%, segundo experiencias similares levadas a cabo noutras cidades, e contribuirían tamén á dinamización dos barrios adxacentes, como é o da Milagrosa”, detallou a portavoz do grupo municipal de Cidadáns.

A Avenida da Coruña pasaría a ser unidireccional

A base da reforma proposta pasaría por transformar en unidireccional a Avenida da Coruña en sentido saída da cidade, tal como propón o Plan de Mobilidade encargado polo Concello de Lugo á Axencia de Mobilidade Urbana de Barcelona no ano 2009. “A remodelación urbana que propoñemos, que se está a levar a cabo na maioría das cidades, pasa por converter rúas de dobre sentido en vías de sentido único, co que se gaña calidade do espazo público e seguridade viaria sen prexudicar a fluidez do tráfico”, afirma Olga Louzao.

“Este modelo urbano supón unha verdadeira transformación que queremos ir trasladando e ampliando tamén ao resto da cidade en forma de espiral. Un compromiso de Ciudadanos é a igualdade entre todos os cidadáns. Tamén no ámbito urbano para que todos os barrios conten coa mesma calidade urbana”, asegurou Olga Louzao.

Beneficios para o comercio local

“Esta actuación responde a unha planificación para mellorar a calidade da paisaxe urbana favorecendo a vida comunitaria e conseguindo que os espazos colectivos recuperen identidade. Pretendemos combater ao mesmo tempo a perda que se está padecendo do pequeno comercio e de proximidade, pois está confirmado segundo diversos estudos realizados que as peonalizacións aumentan as vendas dos locais comerciais situados nesas rúas entre un 20% e un 30%. De feito, só deste xeito as zonas e rúas peonís, formadas pola suma do pequeno comercio, acaban competindo cos centros comerciais periféricos”, explicou a portavoz de Cidadáns no Concello.

Crear un carril bici para que os ciclistas poidan ir contradirección

O espazo que se reduciría aos coches con esta actuación urbana gañaríano as persoas ancheando as beirarrúas e creando un carril bici para que as bicicletas gañen peso en Lugo e respostar ao mesmo tempo ao uso crecente de novos vehículos de mobilidade persoal, como patinetes eléctricos.

Deste xeito, liberando un carril de circulación, sería posible ampliar as beirarrúas na Avenida da Coruña, actualmente moi estreitas, para gañar espazo para os peóns e habilitar un carril bici específico para ciclistas, para que as bicicletas poidan ir en sentido contrario ao da circulación “con seguridade e sen necesidade de invadir as beirarrúas”.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Lucia Barcelos
    Xul 18, 2019 - 08:55 PM

    Nun era de pobres?

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com