O grupo municipal de Cidadáns no Concello de Lugo, presentará ao vindeiro pleno unha proposición para reclamar ao Ministerio do Interior a mellora da seguridade cidadá no municipio, a través do aumento de efectivos da Policía Nacional na cidade. O grupo, que mantivo reunións con todos os sindicatos da Policía Nacional en Lugo, presenta esta iniciativa coa finalidade de que sexa apoiada por todos os Grupos da Corporación Municipal e co obxectivo de que cada grupo reclame posteriormente dos seus respectivos partidos en Madrid a súa inclusión na negociación dos Orzamentos Xerais do Estado para 2018.
A súa voceira, Olga Louzao, agarda que esta iniciativa sexa apoiada por todos os partidos porque considera que “ningún grupo debería permitir as carencias de efectivos, instalacións e medios materiais que a Policía Nacional ten actualmente en Lugo porque iso vai en detrimento da seguridade dos veciños”.
Para Olga Louzao, “tanto a construción dunha nova Comisaría de Policía, que leva anos estancada, como a creación dunha unidade específica de seguridade cidadá como a que xa existe no resto de provincias galegas, depende unicamente da vontade política dos distintos partidos á hora de negociar os Orzamentos Xerais do Estado”.
Segundo a voceira de Ciudadanos, “nos últimos tempos estase a producir un incremento da delincuencia e a conflictividade na cidade de Lugo que incrementa as demandas de maior seguridade por parte da poboación sen que a Policía Nacional conte cos efectivos e os medios materiais necesarios para poder facer fronte a esa realidade”.
Olga Louzao explica que estas carencias fan que sexa habitual “que haxa só un coche patrulla da Policía Nacional na rúa para atender a unha poboación de máis de 98.000 habitantes” e considera este un servizo básico “a seguridade e a protección da poboación como un dos piares fundamentais para a vida en democracia”.
Post Views: 0