Cidadáns tilda de “preocupante” e “caótica” a situación económica do Concello

A voceira do grupo de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, afirmou esta mañá que “a caótica situación económica do Concello demostra que a alcaldesa, Lara Méndez, non está capacitada para xestionar os cartos que os lugueses pagan a través dos seus impostos. Para a voceira de Cidadáns, a situación é “preocupante” porque “desde que tomou posesión a actual alcaldesa hai xa máis de dous anos o caos e o descontrol no uso dos fondos públicos empeorou de maneira alarmante”.

Olga Louzao fixo referencia deste xeito a un informe elaborado polo seu grupo sobre a situación económica do Concello a día de hoxe que deixa en evidencia “a falta de xestión do Goberno municipal en todas as áreas de Goberno“, unha situación que, alerta a voceira de Cidadáns, “sofren a diario todos os veciños e veciñas de Lugo”.

Segundo os datos aportados por Cidadáns, o Concello de Lugo leva todo este ano sen orzamentos, duplica o prazo fixado por lei para o pago a provedores e ten un terzo dos contratos en situación irregular, entre eles os principais servizos, como a recollida de lixo, a limpeza de rúas, o guindastre municipal, o mantemento do alumeado público, a limpeza dos colexios públicos e dos edificios municipais ou a xestión das plantas potabilizadora e depuradora de augas, que están a prestarse neste momento sen contrato ou con contratos caducados, o que deriva no pago de 20 millóns de euros ao ano en facturas con reparo de legalidade.

A voceira de Cidadáns puxo como exemplo do “pouco respecto desta alcaldesa pola legalidade vixente” o feito de que onte mesmo non tivese “mellor ocorrencia” que “ir facerse a foto ao comedor dun colexio cando este é un servizo que está a ser prestado neste momento sen contrato en vigor”. De feito, o interventor municipal emitiu a semana pasada un informe en contra de que o Concello pague 53.522,37 euros correspondentes a este mes de setembro por non existir soporte contractual entre a empresa que serve os menús e o Concello de Lugo. “A alcaldesa é coñecedora desta situación irregular porque ela mesma asinou o pago“, explicou esta mañá Olga Louzao, que lle pediu á alcaldesa que “deixe de facerse fotos e comece a xestionar”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com