Cidadáns urxe ao Concello a solucionar a “anarquía” da Banda Municipal

O grupo municipal de Cidadáns afirmou hoxe que “a situación de extrema conflictividade e enfrontamento entre os membros da Banda Municipal salpica tamén o funcionamento da Escola de Música e pon en risco o seu funcionamento e continuidade”. Entre outras cuestións afectadas, a voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao, citou a matrícula para a reserva de praza para o vindeiro ano, que habitualmente se abre nos meses de abril e maio, os concertos didácticos que os membros da Banda efectúan nos colexios despois de Semana Santa e o programa de concertos de verán, que se desenvolve todos os xoves na Praza Maior e en distintos puntos da cidade.

Olga Louzao, que se reuniu esta mañá con membros da Banda Municipal, explicou que este servizo conta na actualidade con 16 traballadores que ensaian polas mañás e que pola tarde realizan as funcións de mestres na Escola de Música. A Banda está sen director desde finais de novembro de 2016, cando se xubilou o anterior director, Rosendo Ivorra, e a conflictividade foi en aumento até o punto de que foron presentadas xa tres denuncias cruzadas por lesións, insultos e falta de respecto continuada entre distintos músicos.

Por iso, Cidadáns esixe á alcaldesa, Lara Méndez, que tome medidas de xeito inmediato e “deixe de mirar para outro lado”, dado que os seus concelleiros, Carmen Basadre, da que depende a Banda Municipal, Manuel Núñez, de quen depende a Escola de Música, e Daniel Piñeiro, responsable de Persoal, “non fixeron nada para atallar esta situación”. Olga Louzao aprecia “conflicto de competencias” entre eles e pregunta “se no Goberno municipal hai a mesma situación de conflictividade que na Banda Municipal”. 

Para Cidadáns , “é urxente que o Goberno cubra de inmediato a praza vacante de director da Banda e, mentres tanto, outorgue ao funcionario de máis idade que se está encargando de dirixila a autoridade necesaria para poder poñer orde, mediante un Decreto de nomeamento provisional, tal como se recolle no Regulamento Interno de Persoal do Concello de Lugo”. “A persoa que dirixe a Banda Municipal neste momento ten as mans atadas e non pode facer nada porque o Goberno non o nomeou, simplemente llo pediu de favor”, denunciou Olga Louzao, que esixe a Lara Méndez que “garanta tamén a continuidade da Escola de Música, para dar seguridade ás familias e usuarios de cara ao curso que vén”. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com