A segunda edición das Xornadas de Desenvolvemento Rural, organizadas pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo, celebrarase do 22 ao 24 de abril no ecomuseo El País del Abeyeiro en Negueira de Muñiz. “Ciencia na aldea” é o título xenérico do encontro, que conta coa colaboración da Asociación Corripa e que apela ao coñecemento científico como ferramenta para coñecer e valorar os entornos naturais e rurais.
A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade presentou esta mañá o programa das xornadas, acompañada por Alberto Uría, vicepresidente da Asociación Corripa e impulsor do ecomuseo, ubicado en Pena da Nogueira.
A responsábel provincial explicou que “con esta nova edición damos continuidade a unha iniciativa que puxemos en marcha o pasado ano, en Vilela, en Navia de Suarna, e que continuamos este ano cos mesmos obxectivos: promover a formación e a divulgación arredor do rural e apoiar iniciativas de desenvolvemento como El Pais del Abeyeiro, que converteu a apicultura tradicional nun motor de dinamización económica e cultural” e subliñou a importancia “de falar do rural desde o rural, poñendo no centro ás persoas que desenvolven os seus proxectos profesionais e vitais no medio rural”.
Alberto Uría sinalou, pola súa banda, a oportunidade que “estas xornadas supoñen para a difusión do traballo que vimos desenvolvendo desde Corripa para trasladar á sociedade a importancia de manter as paisaxes tradicionais como garantía de futuro para o medio rural, e especialmente o noso último proxecto, un xardín para polinizadores no que recreamos diferentes ecosistemas da montaña luguesa co obxectivo de que sirva de espazo de investigación científica”.
As persoas asistentes poderán coñecer de primeira man as iniciativas de educación ambiental e conservación do territorio que están a desenvolver entidades de referencia no ámbito estatal como a Fundación Biodiversidad e a Fundación Oxígeno ou os proxectos da Asociación Galega de Custodia do Territorio, con diferentes liñas centradas na protección de especies e paisaxes ameazados.
O programa inclúe tamén relatorios de científicos e investigadores: botánicos como Bernabé Moya e entomólogos como Luis Óscar Aguado e Félix Torres, que afondarán na importancia da acción polinizadora dos insectos na conservación dos hábitats, e da neurobióloga Conchi Lillo, que ofrecerá unha interesante exposición sobre a evolucion do sistema visual nas distintas especies, desde os insectos ata o ser humano. As súas exposicións teóricas complementaranse con paseos guiados pola contorna as especies máis habituais na montaña luguesa.