Dende a CIG alertan con preocupación da parálise do servizo de revisións médicas do Instituto da Silicose de Oviedo que prestaba un servizo de primeira orde a ducias de traballadores e traballadoras galegas que podían facer un seguimento da súa saúde laboral neste centro de referencia en temas de silicose en todo o Estado.
“Non temos comunicación oficial algunha que nos dé unha explicación certa do que está a pasar, mais alá de comentarios que aluden a un cambio de direción no servizo a finais do ano pasado que supuxo a paralización do servizo” explica Afonso Losada, responsable de Construción da CIG en Lugo.
A silicose é unha enfermidade respiratoria grave, progresiva e irreversible que se contrae debido á exposición ó polvo de sílice en traballos de extración e elaboración de pedra natural, lousa e áridos, nos que ten unha importante presenza e que dá lugar a unha importante afectación na saúde dos traballadores.
Segundo estudios do ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza), en torno ó 75% dos traballadores da Lousa están sometidos a valores de exposición de pó de sílice inaceptables. “Este é un dato moi revelador das condicións de traballo destes operários que fai se cabe, mais importante un servizo como o que se viña prestando no Instituto da Silicose de Oviedo que servía para detectar casos de afectación nos traballadores e evitar así, que continuaran expostos e poder ofrecerlles unha saída, ben fose con cambios de posto de traballo ou, de non ser posible coa determinación dunha pensión incapacitante para a realización destes traballos” explica Afonso Losada.
O responsable de construcción da CIG demanda a “reanudación inmediata do servizo para os traballadores e traballadoras e o desbloqueo na concesión de citas para realizar as probas. Temos ducias solicitudes de citas sen contestar, algunhas dende Decembro do ano pasado. É vergoñento e preocupante” dí o sindicalista da CIG.