A CIG ven de emitir un comunicado no que rexeita unha xuntanza convocada polo Delegado da Xunta en Lugo e os Populares cuestionan a oportunidade da convocatoria para o venres de comisións informativas na Deputación Provincial.
O sindicato no seu comunicado resalta que: “mentres toda a cidadanía se atopa confinada na súa casa desde hai dez días, tendo que abandonar todas as súas obrigas, tanto persoais como laborais, o señor Balseiro sorpréndenos cunha convocatoria de reunión presencial no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, dun suposto posto de Mando Avanzado na provincia de Lugo do que aínda se descoñecen as funcións. Resulta moi difícil de dixerir para a CIG e para toda a clase traballadora galega, que fica preocupada e impotente ante o incerto futuro da súa saúde e da de toda a poboación, así como dos seus postos de traballo e que a día de hoxe vive nunha completa incerteza sobre o que acontece e o que acontecerá coas súas vidas cando teña rematado esta tremenda situación que se xerou a partir da entrada do COVID-19 nas nosas vidas”
Para o PP é evidente a inoportunidade da iniciativa do presidente en si mesma, “agora “atopámonos con estas novas convocatorias, na que se espera que sexa a peor semana na crise sanitaria en España e mentres desde o Goberno, presidido polo socialista Pedro Sánchez, se insta aos cidadáns a quedar na casa para evitar contaxios; polo tanto é inoportuna, pero tamén é cuestionable o feito de que se trate de reunións que se celebrarán presencialmente».
Castiñeira di que só se pode atribuír estas convocatorias a algún interese político pouco claro, ou a maneira de xestionar que corresponde a un goberno que opera con improvisación, sen planificación de ningún tipo e a impulsos e segundo as ocorrencias de cada momento”.
O portavoz popular, en canto tivo coñecemento oficial da convocatoria, chamou por teléfono ao presidente da Deputación, José Tomé. “Despois da conversación, Castiñeira sigue sen comprender o porque destas convocatorias nun momento no que o Goberno de España aumenta nas súas chamadas aos españois a quedar na casa para evitar contaxios e, pola mesma causa, os desprazamentos están severamente controlados”.