A CIG desenvolveu esta mañá unha concentración diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo para protestar pola situación na que se atopan os 9 traballadores que non foron subrogados pola UTE Autos Morán–Autocares Rodríguez Domínguez, que dende o pasado mes de agosto ten a concesión da liña de autobús A Mariña-Viveiro-Ribadeo (XG-533), que até entón prestaba Arriva Noroeste.
A concentración realizada hoxe terá continuidade na xornada de mañá, mércores 29 de novembro, ás 11.00 horas no mesmo lugar, para visualizar a actual situación destes traballadores e, sobre todo, denunciar o incumprimento das garantías de subrogación do persoal. Neste senso, o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López Carmona, destacou que a propia conselleira lles trasladou aos afectados nunha entrevista no mes de outubro, a garantía de subrogación dos postos de traballo e que, en todo caso non se perdería ningún emprego co seu Plan. “Lonxe disto, a conselleira deulles ao persoal non subrogado a calada por resposta co arquivo do expediente de rescate da concesión XG-533 sen ningunha outra solución alternativa”, denuncia.
Para López Carmona, o contexto actual “é intolerábel”. “A Xunta continúa a remendar o seu Plan de Transporte, sorprendendo a todo o sector, incluso ás empresas afectadas polos incumprimentos, poñendo parches todas as semanas (como a restitución e creación de liñas), namentres non se lle da solución ás garantías no mantemento dos postos de traballo”.
Durante a concentración, os propios traballadores manifestaron o seu malestar polo engano da Xunta, así como o desinterese da administración para efectivizar solucións que eviten que as perdas dos postos de traballo teñan que rematar na vía xudicial. Por iso, advirte López Carmona, dende a CIG avaliaranse as actuacións a desenvolver nas seguintes datas “no convencemento de que a Xunta de Galiza ten que, definitivamente, arbitrar solucións que garantan os empregos que están na vía morta”.