A Executiva da CIG-Saúde reuniuse esta mañá cos deputados nacionalistas no Congreso, Néstor Rego, e no Parlamento de Galicia, Montse Prado, para trasladarlles a súa demanda de que se reforme con urxencia a lei 55/2003 do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos servizos de saúde para que se recoñeza o dereito á xubilación parcial e anticipada das traballadoras e traballadores da sanidade pública. Demanda que os representantes do BNG se comprometeron a levar ambas as dúas cámaras.
Así, o deputado nacionalista, Néstor Rego, afirmou que o BNG presentará no Congreso unha iniciativa dirixida a que se recoñeza o dereito á xubilación anticipada do persoal da sanidade pública. Dereito que, lembrou, xa está recoñecido para o persoal doutras administracións e que “non é de recibo que non teñan as persoas que dedican a súa vida a coidar da saúde do conxunto da poboación”.
A isto engadiu que non só favorecería ás traballadoras e traballadores da sanidade pública ao chegar a esa idade, senón que tamén posibilitaría rexuvenecer os cadros de persoal. Algo do que a sanidade pública está moi necesitada. Na mesma liña, a deputada no parlamento de Galicia, Montse Prado explicou que o BNG presentará tamén nesta cámara, unha iniciativa nese sentido.
A CIG-Saúde entende que o Ministerio debería xa recoñecer o dereito á xubilación anticipada. Explica que agora mesmo se exixe ter, como máximo, dous anos menos respecto da idade ordinaria de xubilación. Fronte a isto, a secretaria nacional, María Xosé Abuín, explicou que todo o persoal da sanidade pública con máis de 35 anos cotizados, ao cumprir os 63 anos tería que poder acceder co 100% á xubilación, sen aplicarlles os coeficientes redutores que van do 6,5 ao 7,5% anual, incluíndo ademais o complemento por maternidade. Coeficientes que chegan a provocar unha perda de poder adquisitivo das súas pensións de até o 25%.
Abuín subliñou que se deberían contemplar tamén as singularidades do persoal da sanidade porque, tal e como admite a disposición adicional sétima da Lei 40/2007, “o persoal estatutario ten singularidades que o distinguen do resto do funcionariado pola propia natureza do servizo público sanitario”.
Neste sentido apuntou que o sistema sanitario ten prestación de servizo continuado, as 24 horas do día e os 365 días do ano, e que hai múltiples estudos que demostran como isto afecta negativamente á saúde das persoas que traballan a quendas, transcorridos máis de 15 anos.
A isto engadiu o aumento dos riscos psicosociais que xeran problemas de saúde ao persoal ao traballaren en contacto coa enfermidade, tomar decisións sobre a vida doutras persoas ou pola presión familiar. Isto xunto coa exposición continuada a riscos biolóxicos, químicos ou medioambientais, entre outros.