A Praza de San Marcos acolleu hoxe a presentación da 43 edición do Rally San Froilán, que se disputará a vindeira fin de semana nos concellos de Outeiro de Rei, Friol, O Corgo, Sarria e Lancára e que conta cunha achega de 30.000 euros da área de Deportes.
A proba conta con 105 pilotos inscritos, entre eles, Francisco Dorado, – actual líder do Campionato Galego de Rally-, Jorge Pérez, Alberto Meira, Luis Vilariño, Alberto Nimo ou Adrián Díaz. No acto de presentación, o deputado Efrén Castro destacou a “popularidade do Rally San Froilán, que é seguido por afeccionados e afeccionadas de toda Galiza, e aglutina grandes nomes do motor pero tamén a moitos de pilotos de todas as comarcas, que pasan boa parte do ano preparando os seus coches, buscando patrocinadores privados, e que chegan con moitísima ilusión ao Rally”.
Neste senso, o deputado nacionalista lembrou que un dos pilotos participantes no Rally é Jairo Fernández Espín, gañador do Volante Deputación, unha proba promovida pola área de Deportes para que pilotos noveis teñan oportunidade de acceder á competición automobilística.
A presidenta da Escudería Miño, organizadora da proba, M ayte Vilanova, remarcou o alto nivel dos participantes na carreira, “coa vitoria máis aberta ca nunca” e con moitas opcións de rematar “con algún piloto lucense no podio”.
No acto, que se celebrou coa presenza en San Marcos dalgúns dos coches que competirán no rally, tamén estiveron presentes representantes de todos os concellos polos que pasa a carreira ademais da subdelegada do goberno do Estado en Lugo Isabel Rodríguez e o xefe de deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero.
O programa do Rally San Froilán comezará o venres en Lugo, coa presenza dos coches no aparcadoiro do Auditorio Municipal Gustavo Freire durante toda a tarde e unha cerimonia de saída, protocolaria, na Praza Maior, a partir das 19.30 horas.
O sábado disputarase a carreira, con cinco treitos a dobre pasada, nos itinerarios marcados nos concellos de Outeiro de Rei, Friol, O Corgo, Sarria e Láncara. O Rally San Froilán volverá así nesta edición a percorrer estradas da comarca de Sarria, por onde non pasaba desde 2017.
O acto de entrega de premios será o domingo ás 12.30 horas na Praza Maior de Lugo.