Cinco compoñentes do operativo de loita contra incendios da Xunta resultaron feridos mentres traballaban no control dun lume na localidade lucense de Ribas de Sil, parroquia de San Clodio. Deles, 4 resultaron feridos leves e o quinto, que está sendo trasladado ao hospital da Coruña, de carácter grave.
Trátase dun técnico, un axente e un condutor de motobomba (o único grave) que sufriron queimaduras debido a un cambio de dirección no vento que provocou unha variación brusca do sentido das lapas; un peón que sufriu un golpe de calor e outro condutor de motobomba que presenta contusións tras envorcar o vehículo que conducía.
O incendio comezou ás 15:43 horas e está activo polo de agora. Segundo as primeiras estimacións provisionais, a superficie afectada é de 15 hectáreas. No lugar traballan 2 técnicos, 4 axentes, 9 brigadas, 4 motobombas, 1 pa e 4 helicópteros.