Tres estreas chegan, mañá, a Codex Cinema. Filmes ben diferentes para atraer a todos os cinéfilos. Unha película de culto desde China, un eurowestern crepuscular e un intenso thriller español completan a grella dos nosos cines na que continúan a maxistral A portuguesa, o melancólico retrato da escena musical de Leningrado con Leto, a deliciosa comedia francesa, Dobres vidas e a incombustible, A muller da montaña.
De China chega un filme monumental, unha obra atípica que acadou os máis grandes eloxios da crítica da última década. Trátase de An Elephant Sitting Still, un xigantesco filme sobre a xuventude chinesa que se converte nun retrato desolador da condición humana. O seu director, Hu Bo, era un dos artistas novos máis reputados do seu país. Novelista e cineasta de gran proxección, foi alumno de Béla Tarr, mais a titánica tarefa de dirixir este filme acabou coas súas forzas e terminou por quitarse a vida con tan só 29 anos. Deixa unha obra literaria e cinematográfica tremendamente persoal que non recorda a ningún outro cineasta. Debido a súa longa duración, o filme terá unicamente dúas sesións, este venres ás 19:30 e o domingo ás 17:30. Unha oportunidade única para
ver en Lugo en pantalla grande un filme xenial.
O cineasta Jacques Audiard, enormemente recoñecido en Francia (gañou a Palma de Ouro no Festival de Cannes con Dheepan), volve a cambiar de rexistro tras facer comedias, dramas, filmes románticos ou thrillers cun western rodado en Almería á maneira daqueles dirixidos por Sergio Leone. A pesar de rodalo en España e con equipa técnica francesa, contou para o seu elenco con actores americanos de grande talle mundial como Joaquim Phoenix ou John C. Reilly. Este western é un retrato entre simpático e intenso de dous irmáns bandoleiros que se debaten entre continuar coas súas vidas ou reformarse e aceptar o paso do tempo. Lonxe dos grandes clásicos do xénero, a mirada de Audiard está preto de lecturas contemporáneas como as dos irmáns Coen en Valor de ley ou A balada de Buster Scruggs.
Por último, un filme español dunha intriga abafante. Ángel González amosa en Compulsión un control sorprendente dos mecanismos do xénero. Un filme de tan só 71 minutos e tres personaxes, onde todo está axustado ao límite. Unha historia sobre as relacións de poder nas relacións sentimentais cheo de xiros sorprendentes. Unha película atípica no cinema español, pero que entra dentro dunha corrente do cinema recente decidida a superar tópicos e ofrecer filmes de xénero de calidade, a medio camiño entre a inspiración nos filmes americanos e unha mirada autóctona.
Post Views: 0