Os novos cinemas da cidade de Lugo, os Codex, continúan a colleitar éxitos entre o público da cidade. Así, un novo acerto, foi achegar ás salas un novo proxecto cinematográfico lucense: Cinerxias. Un evento único na cidade que consistiu nunha sesión con carácter festivo, alonxado das tradicionais proxeccións de películas, na que se visionaron traballos de cineastas lucenses (curtas, tráilers de futuras longametraxes ou documentais e o xermolo dunha webserie e que non só se converteu nun éxito de público senón que tamén se foi unha mostra da aposta destas salas polos novos creadores.
Durante toda a sesión, cineastas, aficionados e público mantiveron unha gran conexión que se afianzou na celebración posterior, nos propios cines, onde público e creadores intercambiaron impresións.
Os coordinadores do proxecto son Iago de Sant (creador da produtora Microsoños) e Brian Rodríguez (creador de Casaveteiro Films, membro de Microefectos Dramatúrxicos). Entre os membros de Cinerxias están tamén Andrés Goteira e Suso López artífices de Dhogs (filme galardoado con trece premios Mestre Mateo); Daniel Díaz da produtora 60 Ráfagas (cuxa última publicidade Dónde empieza tu piel foi candidata aos Mestre Mateo); creadores
novos coma Clara Coira, Alba Sotelo, Iván Mouronte ou Fernando Losada quen está a traballar na longametraxe Eternia. Asemade, tamén forman parte deste proxecto creadores emerxentes no audiovisual pero vencellados dende fai anos ao ámbito cultural lucense dende outras artes ou o activismo social (coma Brais García, Félix Brixel ou Antón García Agrelo); artistas consolidados coma Iago Eireos (Espacio L.U.P.A.); actrices coma Conchi Madrina (Microefectos Dramatúrxicos) ou persoas cun perfil audiovisual máis técnico e que teñen ganas de empaparse de ideas cinematográficas novas e máis libres.
O luns puidose visionar nas salas Codex, Nena:Diva dos creadores Andrés Gotera e Suso López; Gloria Tejero e Daniel Díaz presentaron o remaker de Amiga Ansiedad, e Brian Rodríguez amosou ao público a súa obra Maullidos de Látex. Pola súa banda, Aldara Pagán levou á sala a curta O que precede á caída é branco, e Iago Sant a obra Última inmersión. Ademáis das curtas, o público puido gozar dos teasers de Magdalegas/A cat in the window, de Félix Brixel e de Eternia de Fernando Losada, asicomo da promo de Brais García Lugoslavia Nadelgrado.