Ciudadanos presenta unha serie de bonificacións para as empresas que contraten a máis traballadores en Lugo

A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, proporá mañá unha serie de modificacións na fiscalidade municipal na xuntanza convocada entre o Goberno municipal e os distintos grupos políticos para abordar posibles cambios nas Ordenanzas Fiscais de 2018.

Louzao considera “prioritario” establecer unha fiscalidade municipal máis “xusta e progresiva sen que se produza unha merma de ingresos por parte do Concello para poder manter o nivel de servizos que presta e mesmo poder incrementalos”.

Neste sentido, Ciudadanos considera que hai que empezar por actualizar o rueiro fiscal, revisando a categoría tributaria na que están encadradas as distintas rúas da cidade, “unha tarefa que o Goberno municipal non foi capaz de acometer este ano”.

Outro dos piares da proposta de revisión das Ordenanzas fai referencia á creación de emprego e ao fomento da actividade económica dentro do termo municipal de Lugo, con toda unha batería de iniciativas e bonificacións fiscais destinadas a captar empresas ou incentivar a contratación de traballadores.

Ciudadanos quere atraer que novas empresas se asenten no municipio mediante unha rebaixa de impostos durante os dous primeiros anos. Outra das novidades que propón Ciudadanos ao Goberno municipal son medidas fiscais para fomentar a creación de emprego no municipio. Neste sentido, Ciudadanos propón bonificar nos principais impostos municipais (IBI, IAE, ICIO e Plusvalías) a aquelas empresas que incrementen a súa plantilla con contratación de novos traballadores. A bonificación sería do 5% por cada novo traballador até un máximo do 25%.

 

Cambios no IBI para gravar as vivendas baleiras

Do mesmo xeito, Ciudadanos considera que é necesario actuar sobre o Imposto de Bens Inmobles, que supón “a auténtica columna vertebral da recadación municipal, ao supoñer o IBI uns ingresos de 22 millóns de euros anuais para o Concello, o que representa unha cuarta parte do Orzamento municipal”. Ciudadanos propón “unha reforma en profundidade deste imposto para que as familias paguen menos pola súa vivenda e, sen embargo, aporten máis as segundas vivendas e os pisos baleiros”.

Olga Louzao explica que o actual gravame fixado polo Concello de Lugo sitúase no 0,67% do valor catastral da vivenda cando a Ley de Haciendas Locales permite establecelo entre o 0,4% e o 1,1% polo que “hai marxe de manobra para acometer esta reforma”, afirma a voceira de Ciudadanos, que propón tres cuotas diferenciadas para a primeira vivenda e as sucesivas en función de se estas están alugadas ou baleiras. Segundo a proposta remitida por Ciudadanos á concelleira de Economía, Ana Prieto, a vivenda habitual pasaría a pagar o 0,50% do valor catastral, as vivendas alugadas 0,70% e as vivendas baleiras o 1%. “Non é xusto nin lóxico que pague o mesmo unha familia que só posúe unha vivenda, que é na que vive, que as persoas que teñen dous ou máis inmobles”, xustifica Olga Louzao.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com