O Grupo Municipal de Ciudadanos no Concello de Lugo propón ao concello de Lugo unha serie de actuacións para incluír no proxecto Muramiñae que pretende a conexión da Muralla co río Miño a través do Carme; entre estas propostas, se atopa a creación na vella potabilizadora dun Centro de Interpretación do Miño que inclúa servizos como centro de recepción de visitantes ou unha escola de pesca e no que poidan participar e desenvolver actividades tanto asociacións ambientais e ecoloxistas como asociacións de pescadores e persoas vinculadas ao río.
Jesús Expósito, concelleiro de Ciudadanos, propón tamén continuar a carón do río o sendeiro existente na actualidade ata a vella potabilizadora pola parroquia de Meilán ata conectar co que chega a Ombreiro para poder facer ese percorrido polas dúas marxes do río. Ao mesmo tempo, Ciudadanos propón ao Concello que chegue a acordos cos propietarios para a posta en valor da Illa de Meilán para uso público como espazo para actividades de natureza e aventura, como xa existen con notable éxito noutros lugares europeos e do Estado español, e que se sinalize o antigo porto fluvial que existía nesa zona xa na Idade Media.
Ciudadanos solicita tamén á alcaldesa que dea participación a todos os grupos políticos na posta en marcha deste proxecto, para que sexa “un proxecto de todos os lugueses”. “Este é un deses proxectos de cidade que ten que contar coa implicación e o consenso de todos”, defende o concelleiro de Ciudadanos, que lembra que “no momento de ser solicitado xa contou co respaldo unánime no Pleno dos 25 membros da corporación municipal”.
O Muramiñae é un proxecto medioambiental financiado con fondos europeos que pretende a conexión da Muralla co río Miño a través do Carme. O proxecto xorde a raíz dunha iniciativa presentada polo grupo municipal de Ciudadanos e foi incluído na Estratexia EDUSI, aprobada polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas cun importe total de 12,5 millóns de euros, financiado nun 80% con fondos Feder europeos e nun 20% con aportacións propias do Concello de Lugo.
A totalidade do Orzamento está repartido en 7 exercicios económicos, desde o ano 2016 ao ano 2022, ambos incluídos, polo que Jesús Expósito solicita “que o Goberno municipal se poña a traballar de inmediato para que non nos colla o tren, como está a pasar co Urban, que a dous meses de que finalice o prazo aínda non está rematado, co risco de perder 4 millóns de euros de subvención europea”.
Jesús Expósito considera que “integrar o Miño na cidade a través do Carme é un proxecto complexo porque esixe acordos cos propietarios e unha planificación urbanística acorde aos obxectivos que se perseguen de lograr a protección deste entorno e o enlace mediante unha zona verde da Muralla co río Miño”, polo que pide ao Goberno municipal “que non perda nin un minuto e se poña a traballar de inmediato”.