Clausurado o obradoiro de emprego Vía Künig II que formou a 20 desempregado de Baralla, Becerreá e As Nogais

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, clausurou hoxe o obradoiro de emprego dual Vía Künig II nun acto no que tamén participaron os alcaldes de Baralla, Miguel González; Becerreá, Manuel Martínez, e As Nogais, Jesús Manuel Núñez.

Arias lembrou que a partir do mes de outubro darase continuidade á iniciativa cun novo obradoiro promovido tamén polos tres concellos citados e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade. Deste xeito, apuntou, o investimento da Xunta nos últimos meses para levar a cabo ambas propostas elévase a 706.000 euros.

Os 20 alumnos traballadores que recibiron os seus diplomas formáronse na especialidade de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. Adquiriron coñecementos teóricos e experiencia laboral mediante un contrato de traballo, realizando obras nos concellos promotores.

Así, rehabilitaron o muro da rúa da Igrexa en Baralla; acondicionaron o Camiño Real entre O Couso e Pedrafita ao seu paso por As Nogais, e realizaron traballos de rehabilitación nas escola de Cruzul e O Cereixal en Becerreá.

Arias destacou que os obradoiros de emprego figuran entre as propostas mellor valoradas polos concellos e polas persoas participantes, por canto redirixen a súa traxectoria laboral cara a profesións con boas perspectivas de empregabilidade. Ao rematar, reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para traballar no sector elixido. Ademais, o seu labor transforma espazos públicos e mellora as dotacións dos municipios que os acollen.

Neste sentido, subliñou que nas vindeiras semanas comezarán 20 novos obradoiros duais en 55 concellos de Lugo, aos que a Consellería destina 7,1 millóns de euros. “Isto supón novas oportunidades laborais no 82% dos municipios lucenses para 400 traballadores desempregados, aos que hai que sumar as prazas que se creen de persoal de dirección, administración e monitores”, indicou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com