Cocido

Otero Pedrayo considerou “sol do fumeiro” ao glorioso xamón, e a inspiración chegoulle en Monterroso para escribir o maxistral poema que consagra ao “Papa das carnes” como “Rei da lareira”. Pero o que preside agora as mesas lucenses é o cocido, que nos goberna os padais desde o remate do Nadal ata a Coresma e máis aló.

Hai quen se queixa de que leva menos costela e soá ca antes, e eu esquézome delas e doutros adobíos tradicionais ou non, sempre que leve cachelos, garbanzos, grelos, chourizos, lacón e botelo. E o botelo ten que ser da Fonsagrada para ter paz con Manuel Curiel e coas miñas ánsias.

Levo uns cantos cocidos, e fáltanme outros tantos en laxo cumprimento do meu réxime, pois cando fago medición de niveis sintomáticos o cocido ofrece cifras semellantes ao pescado á plancha, a saber por que esforzo inconsciente do meu sistema vital.

Onte tocou cocido familiar, ceremonia anual que nos xunta a case medio cento de crentes na bondade de xuntarnos para celebrar a vida, e agradecer á descoñecida inventora – tivo que ser muller – da conxunción harmónica de tan diversos elementos nunha fermosa realidade.

Se en tempos o cocido era xantar económico, foi poñéndose polas nubes, e agora é máis asequible unha mediana mariscada ca un bo cocido, pero devotos do “carpe diem”, impoñémonos o costume de manter a cadea como se rómpela fose causar unha desgracia.

Tendo á vista o antroido, coa coresma por diante, que cada quen respecte as abstinencias que profese, e os que temos o cocido por bandeira – co polbo, o capón, e o que se tercie – subamos aos tesos cumes e baixemos as abisais fonduras do saber do sabor, e que non nos pase nada (malo).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com