Codex canta á revolución

Codex Cinema programa unha nova sesión especial para o público lucense. Así, a sala alternativa lucense proxectará este xoves, 9 de maio, a cinta de Ramón Lluís Bande, Cantares dunha revolución, que leva xa máis de medio ano viaxando por España e o resto do mundo entre festivais e salas de cinema de autor. Certames nacionais de grande relevancia como o Festival de Cine de Xixón ou o D’A de Barcelona xa o tiveron na súa programación, tamén o arxentino BAFICI e sempre con unanimidade de crítica e público.

A medio camiño entre o documental e o ensaio, o filme segue os pasos do músico asturiano Nacho Vegas polas paisaxes abandonadas e desarraigadas da revolución obreira e labrega de 1934 en Asturias, un intento de insurrección dos traballadores contra o goberno republicano da CEDA. A revolución foi aplacada polo exército, entre cuxos xenerais estaba un Francisco Franco que se deu a coñecer nas máis altas esferas e as súas reivindicacións foron condenadas ao esquecemento, no contexto dunha conflitividade cada vez maior que levou ao país a un golpe de Estado militar e a posterior guerra civil. Así, Nacho Vegas visita as imaxes, os lugares e os sons daquela revolución. Os cantares son como unha máquina do tempo que nos permite rememorar aqueles acontecementos, traelos ao presente, como homenaxe a todas aquelas mulleres e homes nunca recoñecidos como vítimas da historia.

O poder revelador da música, a súa capacidade para facernos pensar e soñar, acada neste filme prodixioso unha forza inusitada. O músico mostra as súas dúas facetas polas que é recoñecido, tanto no seu valor como artista imprescindible para moitas xeracións de melómanos mais tamén como un persoeiro con grande conciencia e compromiso político, sempre do lado das vítimas e contra a violencia e a intolerancia.

Esta é a posición de Codex Cinema, a da defensa da liberdade artística e do poder emancipador da música, como amosa a súa aposta por moitos filmes con grande importancia da música, como Cold War ou Leto, onde ademais este compromiso artístico vai inevitablemente unido a unha defensa da integridade intelectual e política. Facer música e resistir contra a ignorancia, a incomprensión e a censura. E por iso é tan poderoso este documental, non exento de goces a través das súas cancións e dos seus paisaxes. Loitar pola liberdade, pola igualdade e pola arte é loitar tamén pola beleza. Cantares dunha revolución é, antes que un manifesto político, un manifesto pola beleza. De aí a súa universalidade e o seu poder transformador.

Este filme imprescindible proxectarase o próximo xoves no contexto da colaboración dos cinemas durante este mes de maio co festival Fa Ce La que se celebrará os próximos días 17 e 18 deste mes. Se ben haberá moitos filmes coa música e os músicos como protagonistas, sen dúbida Cantares dunha revolución é un acontecemento único e o máis importante deste ciclo, ao ter como protagonista a Nacho Vegas, cabeza de cartel do festival e figura fundamental da música española das últimas décadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com