Esta semana os Codex Cinema estrean os filmes “MORLAIX” e “RESPIRANDO BAIXO A AUGA”.
“MORLAIX”, dirixida por Jaime Rosales e rodada nun pequeno pobo da Bretaña francesa contanos unha breve historia de amor intensa e perturbadora.
Sinopse: Gwen vive en Morlaix, na Bretaña francesa. A súa nai acaba de morrer e ela está no último ano de instituto, ten amigos con quen sae. No medio do curso chega Jean-Luc, un parisiense sofisticado, culto e enigmático que a fascina. Nun momento de intimidade, Jean-Luc cóntalle que tamén tivo unha perda moi dolorosa: a repentina morte do seu irmán hai uns anos. Xuntos, entre a melancolía e a busca de sentido, descobren que as feridas poden ser unha ponte de conexión profunda.
A outra estrea da semana é o filme “RESPIRANDO BAIXO A AUGA”, unha película que trata con realismo e sensibilidade o tema da violencia de xénero narrando a vida dunha muller nun refuxio para vítimas de agresións.
Sinopse: Emma ten que abandonar a súa vida para ir a un centro de acollida para mulleres. Mentres afronta o seu embarazo e as ataduras emocionais ao seu marido, redescubre facetas de si mesma a través da amizade, camaradería e loita que vai xurdindo co variado grupo de mulleres e nenos que se atopan no centro. Os traumas individuais entrecrúzanse e, a pesar das súas diferencias, créase unha delicada irmandade mentres se axudan unhas a outras na loita pola súa autoestima e independencia.
Asemade continúa a programación habitual na que cabe destacar o filme “Aínda estou aquí” gañadora do Óscar a Mellor Película Internacional.