Os Codex Cinema estrea esta semana ‘Un amor’, o último filme de Isabel Coixet no que logra que todo resulte absolutamente recoñecible e propio do seu imaxinario. Unha película que se recordará como a mellor da súa traxectoria.
‘Un amor’ xira en torno a historia de Nat, que tras fuxir da súa estresante vida urbana se refuxia na pequena vila de La Escapa, no rural máis profundo. Nunha casa de campo en ruínas, cun can vagabundo, a moza tentará reconducir a súa vida. Despois de afrontar a hostilidade da persoa que lle aluga a casa e a desconfianza dos veciños, vese obrigada a aceptar unha inquietante proposición sexual que lle faio seu veciño Andreas. Este estraño e confuso encontro dará lugar a unha paixón obsesiva e desbordante que envolverá por completo a Nat facendo que se cuestione o tipo de muller que cre ser.
Tamén chega esta fin de semana aos Codex ‘O mestre que prometeu o mar’, película inspirada na vida do mestre Antoni Benaiges. Ariadna descobre que o seu avó busca desde hai tempo os restos do seu pai, desaparecido na Guerra Civil. Decidida a axudalo, viaxa a Burgos, onde están a exhumar unha fosa común na que podería estar soterrado. Durante a súa estancia alí, coñecerá a historia de Antoni Benaiges, un mozo mestre de Tarragona que antes da guerra era profesor do seu avó. Mediante un innovador método pedagóxico, Antoni inspirou aos seus alumnos e fíxolles unha promesa: levalos ver o mar.