Desde a súa apertura,
Codex Cinema apostou por traer ás súas pantallas o cinema feito en todos eses lugares que apenas tiñan espazo nas salas. Unha aposta que nada ten que ver co exotismo nin con ningún prexuízo cultural, senón coa defensa dun cinema de calidade máis alá de nacionalidades. Calidade, a que ten a estrea desta semana
A muller da montaña, a triunfal comedia dirixida por Benedikt Erlingsson, de grande éxito no mundo enteiro.
Proba disto son os premios e as seleccións para innumerables festivais internacionais que o filme acadou desde que se estrease na Semana da Crítica do Festival de Cinema de Cannes. Isto é ben difícil para un filme de Islandia e para un xénero como a comedia que poucas veces ten presenza nos certames cinematográficos.
O filme narra a loita dunha súper heroína dos nosos días, unha muller que decide enfrontarse á industria do aluminio do seu país, ao tempo que a súa vida privada da un xiro radical no momento máis inesperado. Desenvólvese así un encantador filme de costumes, que mostra de maneira moi orixinal a vida diaria dunha comunidade, ensinando de paso as costumes islandesas. Todo gran filme é, dunha ou doutra maneira, un embaixador do seu país de cara ao exterior, e A muller da montaña cumpre sobradamente isto.
Despois do grande éxito do primeiro pase, no que case quedamos sen entradas, volvemos a ofrecer un pase especial de Tódalas mulleres que coñezo, o excepcional filme feminista de Xiana do Teixeiro. Será este domingo as 18:15 da tarde, coa presenza das protagonistas. Un filme sobre como falar e como representar a lacra do machismo e da violencia contra a muller. Un filme maxistral rodado en Lugo, cunha equipa formada por mulleres, de grande valor didáctico. Desde este mes de marzo, o filme tamén está dispoñible para contratar sesións especiais de grupos de estudantes.
O xoves 14, conmemorando o nacemento do gran Félix Rodríguez de la Fuente, chega a Lugo, Barbacana, o documental sobre o lobo ibérico que está a dar voltas por toda España. O filme fala sobre as medidas de protección e convivencia para respectar a nosa fauna local, para salvagardar as tradicións fronte o avance da civilización e os modos de vida moderna. Un filme sobre a paisaxe, sobre as fragas e os ciclos da vida. Un filme para todos os amantes do cinema, mais tamén da natureza e dos animais. A conservación do noso patrimonio natural pasa por facer visibles todas estas iniciativas, por concienciar aos cidadáns, e desde Codex Cinema queren colaborar mostrando filmes especializados nesta materia.
Post Views: 0