Codex Cinema retomará as súas proxeccións o próximo venres día catro de setembro coa proxección do filme Reboiras. Acción e corazón, un retrato do activista nacionalista asasinado nos días finais da ditadura franquista. Este orixinal filme, que inclúe testemuñas de protagonistas directos daquel momento con reconstrucións dos feitos, estará acompañado da presentación do propio director Alberte Mera nos pases das seis e das oito da tarde, acompañados por un coloquio-debate posterior. O filme é unha nova proposta do cinema galego e Codex Cinema , como non podería ser doutro xeito, xa que caldiae factoría, na que están Codex Cinema para dar cobertura e apoio acalquera manifestación da cultura galega. Neste cas apoiando os filmes feitos na nosa terra, filmados en galego e que seguirán sendo protagonistas das nosas pantallas nos próximos meses.
Las niñas (Filme español)
Acompañando este filme, que xa se presentou en Compostela e Ferrol con grande éxito, terá a súa estrea absoluta Las niñas, o último éxito do cinema español, na liña da investigación emocional e crítica do pasado a partir das experiencias da infancia que xa amosou con grande acerto Estiu 1993 de Carla Simón. Las niñas é a primeira longa de Pilar Palomero, que xa tivo a súa presentación no último Festival de Berlín no pasado mes de febreiro e que viu adiada a súa estrea por mor das restricións da Covid-19. Viaxamos ata a Zaragoza de 1992, seguindo a entrada dunha nena nun internado relixioso. A partir desa situación, a cineasta consegue facer un retrato de todo un país e dos cambios profundos que se estaban a producir naquel entón: os xogos olímpicos de Barcelona, a aparición das televisións privadas, a apertura cara a Europa, a corrupción política… feitos de onte que teñen aínda as súas consecuencias no presente e que Pilar Palomero transforma nun drama psicolóxico exemplar.
Cinema Paradiso (Filme italiano)
Por último, teremos sesións especiais do filme Cinema Paradiso, o clásico de Giuseppe Tornatore, toda unha homenaxe á historia do cinema e a pegada que o sétimo arte ten na nosa experiencia vital. O filme converteuse nun fenómeno no momento da súa estrea, xusto cando o cinema estaba a piques de cumprir cen anos e regresou ás pantallas para acompañar aos cinemas e aos cinéfilos nestes momentos tan críticos. Esta volta ás salas coincidiu co pasamento do mítico Ennio Morricone, un dos maiores compositores de toda a historia do cinema, así que a nosa recuperación serve de homenaxe a esta figura imprescindible da música. Unha película máxica para volver a desfrutar na gran pantalla.
Medidas pola Covid-19
Debido ás medidas de sanitarias de contención da Covid-19, as nosas salas se adaptaron para cumprir as esixencias obrigadas. A partir de agora o acceso ás billeteiras estará delimitado e controlado para que non haxa acumulación de persoas, así como o acceso ás salas que só será posible cando así o indique o persoal do cinema. Nas salas haberá que gardar unha distancia dunha butaca e cunha fila de separación, polo que as entradas serán numeradas, e será imprescindible o uso da máscara para acceder. Nos vindeiros días ofreceremos máis información ao respecto sobre estas medidas e sobre a programación e horarios. Xa queda só unha semana para o regreso do cinema de autor a Lugo.