Baixo o lema #EsperaYDesespera, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) denunciou este martes, diante da delegación territorial da Xunta en Lugo, a desesperante espera que milleiros de persoas levan vivindo dende hai anos por unha valoración a tempo e unha baremación actualizada.
Mediante a formación dunha ringleira de máis de 70 persoas que iniciaba na delegación territorial, COGAMI quixo simbolizar e denunciar as intolerables esperas que deben asumir as persoas con discapacidade para poder acceder aos seus dereitos, causados aos retrasos existentes, tanto na valoración do grao de discapacidade como na implantación do novo baremo da discapacidade.
Este acto, organizado co motivo do Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, contou en Lugo coa asistencia de representantes da Federación Provincial de COGAMI en Lugo, persoas usuarias e traballadoras do centro que COGAMI ten en Fingoi e da entidade Alcer, xunto a persoas que permanecen á espera da súa valoración ou de que se renove o baremo actual, que exixiron o fin desta situación.
Durante as intervencións, denunciouse que non recibir unha valoración ou unha revisión do grao de discapacidade a tempo, prexudica ás persoas con discapacidade no emprego, a educación, a accesibilidade, a saúde e tamén impide acceder a prestacións que compensan
a desigualdade de oportunidades.