Colas

As colas resultan un sistema axeitado para acceder a un local limitado, pero prodúcenme a sensación de control excesivo, drástica solución para non estudar fórmula máis racional para as aglomeracións.

Case non queda lembranza das colas do racionamento, froito da escaseza, a pobreza e a rixidez ditatorial. E agora nós, polo maldito virus que se coou nas nosas vidas con ánimo de destruílas, forzando confinamentos, ocultación de rostros e redución de aforos, volvemos ás colas.

Entro na habitual panadería rabadense, e o propietario advirte que hai que gardar un metro de distancia entre clientes, pero os temerosos mercadores de pan gardan catro. E se no interior poderiamos estar tres persoas, só entra un e o resto na rúa, facendo cola.

En Lugo as colas son un espectáculo. En Bispo Aguirre, a cola dunha entidade bancaria cruza a rúa, e os máis tranquilos repousan contra o Círculo agardando. Un pouco máis adiante, para a matrícula no colexio Franciscanos, cola de pais de alumnos co extremo apuntando ao Concello.

No Concello, anotan os datos dos que acceden ao edificio, pero non hai cola. Cola bancaria de novo na rúa Progreso, probando que se a dixitalización avanza imparable, polo de agora a maioría dos usuarios busca o contacto directo, a retirada de efectivo ou os ingresos manuais, por moito que os bancos queiran gobernarnos a golpe de tecla sen ter en conta que aínda queda moito que camiñar cara ao mundo dixital.

Por iso, a falta doutra solución, colas. E agora, con bo tempo, aínda non hai queixa. A ver como nos amañamos cando chegue setembro, porque de cando en cando, por aquí, chove.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com