Máis de corenta organizacións galegas de diversos ámbitos veñen de facer público un manifesto no que piden a reapertura dos mercados alimentarios de proximidade como garantes da seguridade alimentaria de Galiza no contexto actual de estado de alarma e emerxencia sanitaria pola pandemia do Covid-19.
Entre os colectivos asinantes podemos atopar unha ampla representación da sociedade galega a través de sindicatos agrarios e obreiros como SLG, Fruga e CIG; organizacións ecoloxistas como Adega, Amig@s da Terra, Greenpeace ou o MEL; unha de decena de entidades investigadoras vinculadas ás universidades de Santiago de Compostela e Vigo; varios centros sociais; ou diversas agrupacións de consumo, labregas, profesionais, etc.
No manifesto reclaman á Consellaría de Medio Rural, en colaboración cos concellos, todos os esforzos posibles para que a partir do 31 de marzo, data ata a que a Xunta prohibiu a celebración de mercados alimentarios de proximidade, volva autorizalos “preocupándose de que dispoñan dos medios materiais e humanos necesarios para organizar e aplicar correctamente todos os protocolos de seguridade a que obriga a orde do 23 de marzo de 2020 sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados”.
Foto:Pixabay