Colectivos veciñais e sanitarios piden a creación dunha unidade de Ictus no Hula

A Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo e a Plataforma en Defensa da Sanidade e das
Especialidades do Hula, despois de anos demandándoo (desde o 26 de outubro de 2019), queren facer unha nova chamada ao Conselleiro de Sanidade e ao Sergas para a creación dunha unidade de Ictus completa no Hula “nun curto espazo de tempo”.

A través dun comunicado aos medios explican que “como queremos ver vontade para iso”, solicitan de novo que se dote ao Hula dun neuro radiólogo específico para a unidade de Ictus, “como algo básico, que poida axudar na detección do trombo cerebral e que poida atender os casos de trombectomía que de momento son desprazados a hospitais foráneos”.

Lugo non dispón da unidade de Ictus da que, si gozan A Coruña, Santiago (con censo de habitantes inferior a Lugo) Vigo e Pontevedra. “Queremos que se cumpran os requirimentos neste sentido dos profesionais e da OMS”, din.

E é que Galicia sofre ao redor de 10.000 Ictus ao ano dos cales uns 1.200 danse en Lugo e, tendo en conta que Lugo, cunha poboación dispersa e envellecida, pode ser considerada como de alto risco, tanto por mortalidade como por secuelas evidentes da enfermidade, “algo que parece que ao Sergas e á propia Conselleria non lles preocupa do mesmo xeito que aconteceu con outras especialidades tanto en Lugo como en Ourense, pretenden ou buscan a mobilización social para decidir a súa implantación”.

Neste sentido, os Neurólogos de Galicia, piden que o 100 % dos cidadáns galegos, teñan acceso a unha unidade de Ictus e en maior abundancia o Coordinador Hospital Clínico de Santiago, o doutor José Castelo dicía xa hai máis de 10 anos, que todas as provincias galegas debían de contar cunha unidade de Ictus.

A unidade que requiren debe dispoñer dun neurólogo de servizo durante as 24 horas do día (de presenza física hospitalaria) así como un Neuro radiólogo (diagnóstico e tratamento) e un equipo de enfermaría (cunha cociente de 1 enfermeira/ou por cada 4 camas / 24 horas). En canto a recursos materiais esixen unha unidade de camas específicas para Ictus, unha dotación de Monitoraxe neurolóxica e un servizo de rehabilitación especifico.

Ademáis de todo iso, solicitan protocolos de acceso rápido e preferente ao Hospital e acceso a TAC e resonancias de urxencia.

“De non ser atendidas de novo nosas demandas, o noso seguinte paso será solicitar a mediación da Oficina da Valedora do Pobo, que poida requirir un servizo ao que temos dereito”, advirten.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com