Colectivos sociais, políticos e culturais da cidade de
Lugo asinaron e entregaron o pasado 15 de febreiro unha carta na que piden ao
Hotel Méndez Núñez que non
dea cabida nas súas instalacións á celebración dun acto anunciado polo partido da ultradereita, Vox.
O pasado 10 de febreiro, Vox anunciou a convocatoria dun acto nos salóns do Hotel, co seu secretario xeral, Ortega-Smith, como convidado estrela, para dar forma a unha posible candidatura na cidade de cara ás vindeiras eleccións. Un acto que se viu aprazado pola manifestación en Madrid, ese mesmo domingo, para instar ao Executivo de Pedro Sánchez a convocar eleccións xerais “pola defensa da unidade da nación española” e para o que convidaban a participar a todos os simpatizantes da marca política.
Lugo Sen Mordazas, Rede de Apoio Mutuo, Madia-Leva, Isca, Tele-Clube, Esquerda Unida, Causa Galiza, Equo, Anova, Briga ou as Brigadas Antifascistas son algúns dos colectivos asinantes da misiva enviada ao hotel, onde “con respecto e sen ningún ánimo de inmiscuirnos na súa política empresarial, xa que vostedes poden levar o seu negocio de acordo cos seus intereses e opcións” amosan a súa preocupación porque poidan difundirse as ideas que ese partido ven proclamando na súa propaganda e no seu programa. “Actitudes nas que, polo menos, albiscamos un desprezo á emigración -que tanto ten que ver coa historia do noso pobo galego-, un desprezo á muller, unha actitude homófoba, un desprezo ás víctimas do franquismo manifestado nos seus ataques á Lei de Memoria Histórica, impedindo poder pechar esas vellas feridas, uns intentos de re-centralización do poder e das institucións, pondo en perigo, mesmo a Comunidade Autónoma da Galiza”, reza a carta.
Considerando ademais o especial “significado que ten o Hotel Méndez Núñez para a veciñanza de Lugo; un Hotel emblemático, o Hotel de Lugo por excelencia. Un establecemento que albergou en distintas etapas da súa xa longa historia acontecementos importantes para a vida da cidade e de Galicia, principalmente a reunión da I Asemblea Nacionalista no 1918 (do que o pasado ano se celebrou o Centenario) e a sinatura do posterior Manifesto (acontecemento que se lembra cunha placa na porta e coa celebración tódolos anos dunha ofrenda floral ante a mesma). Tamén ter sido lugar de celebración de numerosas tertulias literarias, intelectuais e políticas da cidade”.