Numerosos lucenses e visitantes participaron onte na primeira xornada dos actos organizados polo Concello de Lugo para conmemorar o 15º aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade. O programa incluíu durante todo o día, de maneira ininterrompida diferentes actos dende as 11:30 ata as 21:00 horas, entre outros, unha viaxe no tempo a través dunha proxección de realidade aumentada diante da Mosqueira, que permitiu observar a Muralla e a súa contorna na etapa da súa construción e coa súa configuración orixinal. Pola tarde celebrouse un desfile de tropas e lexións romanas polo adarve da Muralla, no que tomaron parte ducias de persoas e asistiron a Alcaldesa, Lara Méndez, e membros da Corporación municipal.
Os actos de conmemoración do recoñecemento da Muralla como Ben Mundial, que puxo a Lugo no mapa, continúan mañá domingo, ás 20:00 horas, no adarve, onde terá lugar unha solta de faroliños voadores, que se repartirán en todas as escaleiras de acceso á Muralla.
O luns, todos os lucenses e visitantes poderán degustar a partir das 18:00 horas nunha carpa instalada na praza Anxo Fernández Gómez un anaco de torta xigante e solidaria, pois a ración soamente custará 20 céntimos, que serán destinados a unha asociación sen ánimo de lucro e as 20:00 horas, o Círculo das Artes acollerá un dobre concerto de jazz. Asemade algúns establecementos de hostalería ofrecerán menús con prezos especiais dedicados á Muralla.
Do 4 ao 8 de decembro, na carpa de Anxo Fernández Gómez haberá un concurso de fotografía sobre o monumento bimilenario. A partir de marzo do 2016, no Centro de Interpretación da Muralla estarán dispoñibles postais sobre a recuperación e posta en valor das portas da Muralla de onte e de hoxe.