Comeza a campaña electoral para as municipais

O Verán remata e os partidos comezan, xa sen reparo, a ensinar as súas armas. As eleccións están a nove meses e xa non haberá acougo nin descanso ata a noite do escrutinio. Isto ven a conto polas declaracións cruzadas de socialistas e populares na deputación e no concello acusándose uns a outros de mentireiros.

Esta mañá o voceiro municipal dos populares acusaba ao goberno municipal de “o complexo de inferioridade” do goberno de Lara Méndez os leva a boicotear as inversións da Xunta no barrio da Residencia” e apostillaba Ameijide “aínda non comezaron as obras na Residencia pola cabezonería de Lara Méndez, xa que a rexedora e o seu equipo de goberno non paran de dar largas á Consellería de Sanidade”.

A contestación dos socialistas do concello non se fixo agardar e retrucan as declaración do popular, “novo exemplo de mentiras e baixeza política. Isto foi o que demostrou hoxe, unha vez máis, o grupo municipal do PP lanzando falacias sobre o papel que está a xogar o Concello na execución do plan de reconversión do Vello Xeral. Á vista do seu comportamento, ao voceiro do Partido Popular quédalle demasiado grande o cargo que ocupa. A falta de informarse sobre o procedemento administrativo a seguir e o punto no que se atopa, minte, e faino con descaro, porque a documentación oficial así o acredita. Lembremos que foi o mesmo que criticou o atraso de dúas licenzas de obra na Tinería que levaban nada menos que un ano e tres meses concedidas pola Xunta de Goberno”.

“Levamos moitos meses traballando entre o Concello e a Xunta no plan da Residencia, dentro do marco da colaboración, a lealdade e o respecto institucional, pois así é como nós entendemos e como practicamos a función pública, poñendo sempre por riba os intereses da cidadanía”, argumentou dende o goberno municipal.

Para que a cousa non enfriara, os populares na deputación abriron outra fronte acusando ao goberno provincial de mentir á veciñanza, por mor dunha nota de prensa que este enviou aos medios polo remate dunha obras da estrada que vai de A Pontenova á Fonsagrada. O Grupo Provincial do PP denuncia que a” Deputación de Lugo difunde información sesgada a través das súas redes sociais ao anunciar obras por importes superiores aos de adxudicación”. Os socialistas sinalan, “que esta obra contou cun orzamento de 340.000 euros, cando, segundo se pode comprobar na Plataforma de Contratación do Sector Público, o obxecto de contrato que corresponde con esta contía inicial refírese ao arranxo de tres estradas.” Rematan.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com